Carolina en New York

POR SIRO

FERROL

SIRO

Cando María Mercedes, a queridísima directora do colexio Belén, citaba os alumnos máis brillantes do centro, cun recordo especial para Carolina, referíase a Carolina Pérez López, a filla de José e Pepa, mestres os dous naquel colexio e ferroláns de pura cepa; el de Xoane, ela de Doniños.

Carolina quixo, desde nena, ser xuiza en Ferrolterra; ir a pé ao xulgado, coñecer a todos os veciños e axudalos a resolver os problemas de lindes e pasos, ferrados e servidumes. Por eso, despois de facer o bacharelato no Instituto Sofía Casanova, foi estudiar Dereito á Universidade de Navarra; e fíxoo dunha maneira espartana. Durante catro anos viviu nun convento de Irmás Adoratrices, sen saídas, estudiando de sol a sol; pero o esforzo viuse compensado coas matrículas que foi obtendo en moitas materias, mesmo nalgunhas das máis dificis. E cando rematou a carreira, chegou a beca da Fundacion Barrié para estudiar un máster en Estados Unidos; e, coa beca, o dilema: ser xuíza ou facer o máster. Decidiuse polo máster e recibiu ofertas de varias universidades, incluida Harvard; un nome que para unha recén licenciada, de 21 anos, tiña os ecos glamurosos de tantas películas de Hollywood; pero escolleu a New York University porque o máster en Tributación Internacional, que era o seu, tiña nesta maior prestixio.

A New York University -a NYU, dinlle coloquialmente- coñecémola en España, sobre todo, porque nela impartiu Baltasar Garzón os cursos subvencionados por Botín; pero os Premios Nobel, Pulitzer, Emmy, Grammy e outros igualmente prestixiosos nos EEUU que pasaron por aquelas aulas, cóntanse por decenas.

Aos dous meses de comezar o máster, Carolina tivo unha oferta de traballo do despacho de avogados Clifford Chance, un dos máis importantes do mundo, que foi noticia o pasado mes de xullo polos espectaculares resultados financieiros do último exercicio -ingresos de 1.616 millóns de euros e beneficios de 534-, superiores nun 13% aos do exercicio anterior.

Despois de pasar cinco anos en Londres como responsable do seu departamento para Europa, volveu a New York, a unha oficina con vistas ao Empire State Building, na que se negocian millóns de dolares cada día. Carolina trata con inversores de todo o mundo, cos gobernos de países emerxentes; e faino sen horario de entrada, pero tampouco de saída, moitas veces con xornadas de doce horas e xantando diante do ordenador. Pero gústalle o traballo, e resiste a cidade amable, pero despiadada, que é New York, onde vive casada cun enxeñeiro informático, ferrolán de Caranza e compañeiro seu de pupitre, desde párvulos, no Belén.

É Miguel Tenreiro, o fillo de Lito, xubilado da Mariña, e de Carme. Teñen dous nenos: Martiño, de catro anos; e Xulián, de 15 meses. Martiño leva o nome do patrón de Covas, de onde vén, orixinariamente, a familia de Carolina. Xulian o do avó do seu bisavó, o da familia dos Xulians.

Os nomes dos pequenos din o perto que Carolina e Miguel, malia a enorme distancia xeográfica, están de Ferrol; por eso veñen sempre que poden, e son felices paseando pola rúa Real, indo de compras polo Centro, saudando a Jorge en Amador, tomando un viño no Tanagra, mercándolle o xamón a Ester e Jesús, e convidando aos fillos a un chocolate con churros na Bola de Oro, como tantas veces fixeron con eles os pais...

Coa que está caendo, reconfórtame poder falarlles de Carolina.