As rúas de Ferrol

César MansoEdurne LeiroJaime Pena Alvariño PRESIDENTE DE LA ASOCIACIÓN DE VECINOS PEDRO PADRÓN

FERROL

Últimamente asistimos impotentes ás continuas denuncias de veciños queixándose polas caídas e danos sofridos polo mal estado de conservación das rúas de Ferrol. Coincide esto no tempo coa resolución de varias demandas interpostas contra o Concello pola responsabilidade patrimonial e que teñen en común que todas son condenatorias para á Administración.

O Concello de Ferrol é o responsable do mantenimento das rúas da cidade e hai que indicar que desde a década dos noventa esta asignatura foi suspendida por todos os Gobernos Municipais. Nin o PP, nin o PSOE, nin o BNG, partidos todos eles que ostentaron a Alcadía da nosa cidade; nin IF ou EU, corresponsables durante varios periodos dos gobernos municipais, foron quen de darlle solución a un problema que atenta directamente non xa contra a imaxe da nosa cidade senón, o que é mais grave, contra a integridade física dos ferrolans.

Goberno tras goberno asistíamos ao remendo das rúas, cando as losetas estaban partidas en mil cachos procedíase a cambialas, cando nos baches entraba una roda cubríase con area ou alquitrán, cando se aproximaba a Semana Santa facíase unha batidas polas rúas polas que pasaban os cofrades dandolle un lavado de cara ás rúas, pero nunca, a ningún goberno se lle ocurreu facer un plan integral de reparación para solucionar esta situación dunha vez por todas.

Pero o desinterese da actual Corporación municipal por este grave problema de Ferrol supera, con creces, ao do resto de gobernos que pasaron pola nosa cidade. Tal é así que os baches existentes ao lado do Concello ou a calamitosa situación da Rúa María, na parte traseira do despacho do alcalde, non son reparados até que a Asociación Veciñal do Barrio da Magdalena o denunciaba ou un veciño rompía o nariz ao pasear polo irregular trazado da rúa. Nese momento parchéase a vía pero continúa permitíndose que os camións de Urbaser, do reparto do butano, etc, paseen ao seu antoxo por rúas peonís que non están preparadas para soportar tráfico pesado de camións. Mentras tanto, o Concello de Ferrol continúa pagando as indemnizacións ás que é condeado polos tribunais de xustiza e tal vez, só tal vez, pode chegar un momento en que o alcade de Ferrol se percate de que é mais barato arranxar as rúas de Ferrol que pagarlle as indemnizacións ós nosos vecinos, comezando a facer o traballo polo que lle pagamos.