Parece un chiste, pero é certo. Hai catro anos, nas festas da Maruxaina, en San Cibrao, unha turista comentou á familia: «Le he preguntado a un rústico y me ha dicho que las fiestas empezaron ayer». Cando mo contou quen a oiu, lembreime da Reala e do Burón, unha parella que vendía polas rúas de Ferrol o pouco peixe que el pescaba cunha arte moi sinxela, chamada ?o medio mundo?. A Reala e o Burón eran dous coitados e rir deles tiña que ser pecado, pero un día, cando voceaban o peixe pola rúa María, saiu unha muller ao balcón e díxolle ao Burón: «Hombre rústico, hombre rústico, ¿lleva moluscos o crustáceos?». O Burón non era ben espelido, pero aquelo sooulle a mofa, así que botou man á entreperna e respondeulle: «¡Levo o cabezón do carallo!».
Sen embargo, nin a Reala, nin o Burón eran malfalados, nunha profesión na que abondaban as «bocas rotas». A figura da peixeira, regateira e rachada foi un arquetipo que o pallaso Pepe Tonetti caricaturizou con enorme éxito en toda España. Saía á pista vestido de muller tetuda, culona, con pernas tortas e perruca en melena, que nun plis-plas convertía nun chicho e outra vez en melena. Daba unhas voltas á pista pregoando as sardiñas, e paraba para empezar o regateo cunha interlocutora imaxinaria, do público. A peixeira alporizábase cada vez máis e remataba marchando, feita unha chispa, despois de facer unha chea de xestos obscenos e de soltarlle unha restra de aldraxes a tan teimuda e desesperante clienta.
A representación de Pepe Tonetti era unha esaxeración, naturalmente, pero a extraordinaria vis cómica do pallaso conseguía que as vendedoras de peixe como Rosario, a Asturiana, a Pelaya, Obdulia, Fina ou as irmás Lasita, Carmela, Fina e Lolita, que viñan vender a Ferrol desde Pontedeume, risen tanto coma o subastador Pepiño o xorobado. O circo Atlas enchía en todas as funcións, e moita xente tiña os irmáns Tonetti por dous ferroláns máis. Hai pouco atopei en Santander unha excursión de xubilados ferroláns, facendo fotos no fermoso monumento que a súa cidade lles adicou.
Educadísimo, pero regateiro, era Rafael Pérez Fanego, irmán de don Manuel, o cura. Pequeno, miudiño, solteirón, elegante, levaba mal o de ser calvo e deixaba unhas guedellas longas que pegaba con fixador á cabeza, procurando cubrir a maior superficie posible. Falaba moito en galego porque saíra de Neda para Cuba, sendo un rapaciño, e no Centro Galego da Habana coñeceu o galeguismo. Sentía admiración por Castelao, e na Casa de Rosalía, en Padrón, hai un exemplar de Cantares Gallegos que alguén lle regalara no momento da partida.
Rafael era moi amable, moi simpático e moi falangueiro. Traballaba na Secretaría de Maquinaria, en Bazán, e facía as cousas daquela maneira. O seu arquivo só podía entendelo el porque se alguén de Xubia ou de Neda pedía un certificado, preguntáballe: «¿E logo ti de quen ves sendo?». Logo prescindía dos apelidos e arquivaba o documento polo alias familiar.
Un día entrou magoado na oficina e cando os compañeiros lle preguntaron que lle pasara, Rafael, como se acabase de ver o demo, respondeu: «¡Unha pescadeira! ¡A nai que a pariu! ¡Que lingoa tiña a condenada!».
E como se non rematase de crelo, abriu os brazos en cruz e exclamou: «¡Ata me fixo calar a min!».