Xa non hai Auxilio Social, a organización humanitaria que creara na Guerra Civil Mercedes Sanz Bachiller, viuva de Onésimo Redondo. Son escasos os estudios sobre unha institución de tanta transcendencia, que a fundadora presentaba con romanticismo: «Auxilio Social realiza la voluntad del Caudillo: No haya hogar sin lumbre, ni español sin pan. Auxilio Social lucha por una España mejor. Con la alegría de sus comedores de niños. Con la ternura de sus guarderías. Con el reparto caliente de sus Cocinas de Hermandad. Con la paz de sus hogares para madres trabajadoras. Con la ciencia de sus políticas y de sus cocinas dietéticas. Con su asistencia a enfermos necesitados. Con la edificación de viviendas, claras, dignas». Ao remate, trocaba a lírica pola épica, máis axeitada ao momento bélico: «Auxilio Social no es una legión resignada a mitigar el infortunio. Es una falange que lucha contra el dolor y la muerte con gesto de desafío y aliento de Victoria».
Auxilio Social poñía especial atención nos nenos e nenas, que atendía en comedores ou fogares, ata que acadaban unha formación profesional. No ano 1942 chegaban a Ferrol vinte rapaces procedentes do fogar Francisco Franco, de Madrid, para ingresar como aprendices na Constructora, unha colaboración que Auxilio Social agradeceu públicamente.
Auxilio Social tiña en Ferrol o fogar Manuel de Vierna, na rúa Sánchez Barcáiztegui, ao que viñan rapaces de toda Galicia e mesmo de León, para ter unha casa de acollida e recibir formación profesional, primeiro na vella escola de mestría, na rúa Real, e despois no Marqués de Suances, no Pilar. Durante moitos anos dirixiu este centro José Ortega, que fora vocalista en varias orquestras ferrolás.
No 1960 a prensa informaba de que antes de inaugurar o Parador de Turismo, o Caudillo e a súa dona inauguraran o espléndido fogar Virgen del Carmen, de Auxilio Social, que acollería a coarenta rapazas. Comedores de Auxilio Social hóuboos en Amboaxe e na rúa Galiano. O delegado en Ferrol foi Jesús Piñeiro Pena, morto en decembro pasado. Coñecino a finais dos 50, cando daba clases de natación aos aprendices de Bazán.
Un medio de financiación da institución foi o emblema que, desde o ano 1942, había que mercar para entrar nos cines e no fútbol. Empezou sendo metálico e costaba tres motas, polo que por España adiante se cantaba: «Antes con media peseta/ te comprabas un chorizo y un pan de a real/ y ahora por tres perras gordas/ te encajan la chapa de Auxilio Social». Os que eu recordo eran de cartón, e reproducían os escudos das provincias españolas, flores, aves, heráldica, etc.
A min paréceme que Mercedes Sanz Bachiller foi unha muller interesante, de nobres intencións; e coma ela outra xente que traballou no Auxilio Social. Sen embargo, son moitos os homes e mulleres que hoxe denuncian as atrocidades que padeceron en centros de acollida de toda España. Din que foron nenos sen infancia, nenos vellos, nenos de ninguén. Non teño constancia de que eso sucedese en Ferrol, onde homes como Manolo Regueiro, Xaime Pita, Alfonso Martínez, que estiveron no Manuel de Vierna, se buscaron e xúntanse cada ano, nun grupo que supera os coarenta, para recordar aqueles tempos, con máis risas que penas. Outros que viñeran de Tui e de León non poderían facer o mesmo.
sirolopezlorenzo@yahoo.es