Que a capela ardente de Fraga se instalase na súa casa de Madrid, onde a familia recibiu o duelo, demostra que esta práctica non está erradicada completamente en España, aínda que os tanatorios se multiplicasen desde a inauguración do primeiro, en Pamplona, no ano 1975, e sexamos o país europeo co maior número destes servizos. O estrés social non é compatible co ritual funerario da miña mocidade, verdadeiro acontecemento familiar e veciñal, e o tanatorio converteu o rito nun trámite, como a cremación axudou a trocar un punto e seguido nun punto final, polo que as visitas aos camposantos o 1 de novembro disminúen cada ano.
Tería eu seis ou sete cando o meu amigo Patiño me levou a ver o avó morto dun neno do barrio. O vello, pequeniño e fraco, estaba enriba da cama cun traxe escuro e as mans cruzadas no peito; un pano negro por debaixo do queixo e anoado na parte alta da cabeza impedía que se lle abrise a boca, e dous patacóns de cobre tapábanlle os ollos. Era unha imaxe estarrecedora que me quitou o sono moito tempo. Aínda me parece velo, rodeado de mulleres enloitadas que rezaban o rosario sentadas, ou entraban e saían chorando e ceibando berros terribeis. Tamén recordo algún home serio, calado, coa cabeza baixa.
Hoxe xa non facemos os velorios nas casas dos defuntos, nin van os veciños rezar nelas o rosario nove días seguidos, nin lles poñemos panos e moedas aos mortos, nin lles facemos o pranto, e nin sequera vestimos de loito; pero o loito foi nos anos cincuenta un signo de españolidade, de aí que a copla clamase na voz de Juanita Reina: Que le pongan un crespón a la Mezquita/ a la Torre y sus campanas, a la reja y a la cruz,/ y que vistan negro luto las mocitas/ por la muerte de un torero caballero y andaluz.
As mociñas daquel tempo quedaban amoladas cando tiñan que levar a roupa á tintorería por mor dun protocolo que obrigaba ás mulleres a vestir de negro durante anos polos maridos, fillos, pais e irmáns. Lembro a varias rapazas de Esteiro, con roupa e medias negras un verán e outro verán. Non foi casual que a segunda película de Manolo Summers se titulase La niña de luto.
Despois do loito rigoroso as mulleres pasaban un tempo con roupa de alivio, de cores grises e apagadas, pero as de certa idade, se eran de orixe rural, quedaban co loito para sempre. O dos homes era máis levadeiro, pero máis ridículo, porque, ademais da gravata negra, que aínda se ve hoxe, estragaban cunha franxa negra na manga as gabardinas, chaquetas e abrigos; aínda que había quen limitaba o loito a unha tiriña ou un botón negro na solapa.
Hoxe a morte está menos presente nas nosas vidas. Non sei cantas familias pagarán durante moitos anos seguros como El Ocaso para ter un enterro digno; nin se as familias dos difuntos seguirán agradecendo por escrito as manifestacións de pésame con papel e sobres contorneados cun filete negro; pero supoño que poucos nenos levarán, como algúns dos meus amigos, escapularios para ter unha boa morte e abreviar o paso por un purgatorio, que xa nin sequera existe. Do que estou certo é de que ante unha rapaza gótica ningún neno de doce anos dirá o que lle dixo o meu amigo Alberto a unha moza guapísima cando nos cruzamos con ela nunha acera da rúa Galiano: ¿Quién se ha muerto en el cielo para que los ángeles vistan de luto?
sirolopezlorenzo@yahoo.es