Nos anos trinta as medias das mulleres eran de seda, e tan delicadas que había que poñelas con luvas para que non romperan. Cando isto sucedía, collíanse os puntos a man, cunha agulla especial que tiña o pico dobrado. Non todas as mulleres sabían facelo, e os disgustos por unha carreira inoportuna estaban á orde do día.
Durante a Segunda Guerra Mundial escaseou a seda en Europa, porque cesaron as importacións do Xapón e a que había empregouse con fins bélicos; pero nos Estados Unidos xa apareceran as de fibra sintética -o nylon-, que rompían menos e eran máis baratas. As medias de nylon chegaron a Europa cos soldados americanos, e foron facéndose máis finas e transparentes ata que nos anos cincoenta apareceron as de cristal, que fixeron tronar os púlpitos en toda España, sobre todo cando foron sen costura.
Se á miña irmá lle escapaba un punto nunha media de nylon, tocaba cun dedo a lingua e facía unha boliña co fío enriba do punto para que non se convertise nunha carreira. Tamén a teño visto botarlles xabrón e barniz das uñas antes de levarllas a algunha das moitísimas rapazas que as amañaban, a man, nas súas casas, ou a máquina, nas máis das mercerías da cidade.
O oficio das rapazas que collían puntos ás medias era o de remalladora, pero en Ferrol nunca ninguén as chamou así. As máquinas eran das marcas Vitos, Royal, Delf ou Saeta, as máis delas; todas pequenas e moi bonitas. Mercalas supuña unha inversión, pois o prezo equivalía ao salario mensual dun operario de Bazán; pero velas traballar semellaba cousa de maxia. Cando eu ía ler o TBO ao bochinche que Milina, a nai de Mario e Carlos Villamil, tiña na rúa San Carlos, pasmaba vendo como a rapaza que collía puntos ás medias nun recuncho do portal podía saber o que facía, subindo e baixando a agulla da máquina a tanta velocidade.
É verdade que despois das primeiras medias de nylon, que eran moi boas, viñeron as indesmayables, que non facían carreiras, senón uns furados enormes, que non se podían amañar. Pero como viñeran, se foron; e o oficio seguía en auxe a finais dos cincuenta, cando apareceron os pantys; e nos sesenta, cando Mary Quant lanzou a minifalda. O problema xurdiu na década seguinte, cando as mulleres empezaron a poñer pantalóns, e agravouse cando o prezo de medias e pantys baixou tanto, que xa non pagaba a pena arranxalas.
Os medios de comunicación informan, de cando en cando, dalgunha muller que segue collendo puntos ás medias por España adiante. En Ferrol, que eu saiba, non queda ningunha; pero todos os que pasamos dos sesenta conservamos na retina a imaxe dunha rapaza debruzada sobre a maquina, agulla en man, pillando un a un os puntos da carreira, e entrelazándoos con habilidade incrible. Pura Rego, en El Capricho; Celsita, na súa casa en Carlos III; Carmiña San Emeterio nun comercio da rúa Magdalena, fronte a El Gran Barato; Fina Ballester, na paquetería de Franco, na rúa Galiano; Corsina, na rúa Magdalena, onde Foto Gonber; Piluca, a de Mugardos, en Fina Pereira; Marujita, na mercería Isolina, na rúa de San Benito; Florita a perruqueira, fronte a Las Palmeras; Pilucha, nun comercio da rúa Magdalena, fronte a Rafael y Vicente, son algunhas que recordo.
sirolopezlorenzo@yahoo.es