Q
ue o noso é un país con tendencia a balancearse pendularmente entre opcións extremas é un lugar común. A nosa asombrosa facilidade de pasar de A a B, dicir «onde dixen digo digo Diego» sen rubor algún, é de libro Guinness, polo menos para quen conserva a capacidade de pasmo ante as novidades cotiáns. Se xa o Códice Calixtino non estaba a salvo, que queda para as miudezas e vulgaridades domésticas.
A reflexión ven a conto das argumentacións que se dan para xustificar os continuos recortes da cousa pública. Que non estamos para tirar foguetes económicos -pois dos pirotécnicos xa se encargou a consellería do rural a conta dos incendios- está cada vez máis claro.
Facer unha xestión rigorosa dos recursos de todos é unha necesidade que non debería vir obrigada por crise algunha, senón por ética e sentido común. Pero nesta senda de recortes pode haber o perigo de, co argumento do aforro inmediato, estar a desmantelar servizos básicos que nos poden saír ben caros a non tardar. Baixar de certos niveis en sanidade, en educación, en servizos sociais, en seguridade, non parece de recibo cando, no outro lado do péndulo, mantéñense Gaiás, portos exteriores faraónicos ou cambios educativos repentinos, sen partidas orzamentarias e proxectos de uso claros. Os gobernantes deben facer un esforzo por clarificar cara a onde imos e por que paga a pena tanto sacrificio. Si é que paga.