Idus de marzo

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

a está aquí a primavera, cumprindo a cita anual rachando as tebras invernais. A primavera estacional, con aire temperado sabedor da súa vitoria sobre as friaxes, por máis que estas retornen brevemente para lembrarnos prudencia á hora de deixar as prendas de abrigo.

Eran os idus de marzo dos romanos, na metade do mes de Marte, deus da guerra, tempos de ledicia e bos augurios, salvo para Xulio César, asasinado nos días nos que os seus súbditos contribuían ao xerminar da terra buscando no emparellamento a descendencia.

Os idus de Marzo do 2011 son tamén guerreiros, con varios césares norteafricanos a cambalear nos seus tronos de sátrapas polo rebumbio dun inesperado movemento de fartura de moitos dos seus cidadáns, privados de dereitos elementais por décadas.

Tamén foi guerreira iso que chamamos Natureza, removendo o día 11 coa súa realidade implacable algún lugar dun fondo submarino próximo a Xapón para chimpar un novo record sísmico e asociando un terrible tsunami -un vello termo que en xaponés significa onda de marea- non previsto polos deseñadores da central de Fukushima, imprudentemente construída na costa.

O resultado estamos a recibilo por entregas diarias en tintas negras que poñen en solfa -outra vez- a fiabilidade das centrais térmicas nucleares e, de retruque, o noso sistema socioeconómico que está baseado en enerxía barata.

O barato, coma case sempre, sae máis que caro, impagable.

X