Eficiencias

Xan R. Silvar U

FERROL

nha das cousas máis sorprendentes dos humanos é a capacidade de dar cantas veces faga falta coa mesma pedra.

Está claro que aprendemos das experiencias que vivimos, pero a curta e interesada memoria, a soberbia que nos caracteriza como especie e a paixón por ser máis que o veciño -ou vivir do veciño, que tamén-, son os trazos grosos que pintan o cadro da nosa sociedade actual.

Unha sociedade ineficiente en tantos aspectos: o enerxético e o social son os máis rechamantes nestes días de revoltas en países árabes e de traxedia no Xapón.

Cando cae o telón do barato, barato, espertamos cando pagamos setenta euros por encher un depósito e outro tanto polo recibo da luz (e o que queda).

Descubrimos que o exemplo de organización xaponés ven por terra ao constatar que previron os terremotos, pero esqueceron o linde que marcan os tsunamis, probablemente polo difícil de acomodar a case tres veces a poboación de España en pouco máis da metade de territorio.

Tal vez iso explique por que permitiu asentar tanta poboación e centrais nucleares en alturas tabú para esa xeografía. Pode que haxa que ser mentecatos como dixo o presidente extremeño dos antinucleares e buscar a eficiencia enerxética que nos axude a non gastar tanto e a eficiencia social de vivir mellor con menos.

Non parece haber un futuro razoable para un modelo económico sen límites.