n dous días comezará nas terras da miña tribo, Verín, o luminoso carnaval do 2011. Non falarei del como tantas veces por temor a que me chamen chovinista, ou así. Falo, polo tanto, dende a imparcialidade do home que escoitou a música calada dun rostro pintado de pallaso, o tremor das madrugadas con fíos de brillantina, o recendo das mimosas en medio da noite. Digo, pois: se non sabes como son os ollos da lúa, carnaval. Se o ano foi pesaroso, se a crise non permite que corras a máis de 110 na autoestrada da túa vida, se sobran os reproches, se ninguén canta boleros con sabor a ti, se o ginkás parece unha limonada de tristeza, se ganaron os outros, se o teu equipo milita na división do desencanto... carnaval. Se queres chorar de alegría e non de pesar, se todas as flores subiron nun tren destino a ningunha parte, se na patria da soidade xa non quedan máis bandeiras que as túas, se apreta o tedio, se dúas por dúas son tres, se cando dormes só tes soños de malos fantasmas, se tiraches a toalla, se tes máis cicatrices que unha bandeira, se Bogart repite tócaa outra vez, Sam... carnaval.
Podería escribir sen metáforas, xa sabes, máis claro e transparente; pero carnaval é metáfora do que non somos e queremos ser, amigos con risa incorporada, cancións, fariña (trigo), ruído de mar no mar do interior. Existe o carnaval porque precisamos un trago de olvido. Existe porque olvidar é unha terapia. Olvidar o noticiario triste da actualidade, a mentira, a consigna da demagoxia. Existe o carnaval porque a felicidade non é só unha palabra. Dous días. No entroido, de noite e no albor, sae sempre o sol. Prometo.