Da fala que se perde

por siro

FERROL

27 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Supoño que poucos ferroláns dirán hoxe a un neno que non deixa de enredar, vete a jugar con la perilla del ombligo. Tampouco serán moitos os que, por moquealo, lle digan irónicamente eres tan listo que vas a salir en las cajas de cerillas; e menos aínda os que o comparen cun personaxe popular do que a penas queda memoria: eres más tonto que Cotón Lambeta. A min dicíanmo meus pais e a miña irmá, en galego ou en castelán, segundo lles cadrase, para facerme burlas, e conseguíano.

Son moitas as palabras e expresións -algunhas típicamente ferrolás, estudiadas no espléndido libro de Guillermo Ferrández, que tamén publica cada luns en La Voz a sección Las palabras de la tribu- que van desaparecendo da fala coloquial.

Non creo que ningún veciño de Esteiro, Canido, Ferrol Vello ou Caranza chame hoxe cerillitas aos ferroláns do barrio da Magdalena. Ninguén fala de motas e chicos porque xa case non falamos de pesetas. Pode que os nenos de hoxe aínda canten cando chove e fai sol anda o demo por Ferrol, pero ¿dirán aínda la pirola española nunca mea sola? ¿Acusaranse uns a outros de estar apirolados? ¿E de andar nas berzas, ter unha troita de moito mimo, unha empanada de xoubas, dicir conachadas ou ser un conacho? ¿Pintaranse burros cunha tiza nas costas? ¿Farán a mica?

Apostaría a que ningún neno di para eloxiar unha moto como a Harley Davidson que tiña Punín que é unha perra moto, nin dun chalet como o que tiña Mckinley que é un perro chalet, nin dun can como o Jano, que tiña Toné, en Esteiro, que é un perro perrazo. Seguro que en Ferrol seguimos dicindo conachadas, falando do nacho ese ou daquela nacha, pero moito menos do nacho ou nachiño da Coruña. Paréceme que xa ninguén fala das señoritas de caldo á merenda, moi pichoneras, que ían á última hora ao mercado do peixe a buscar o máis cativeiro, dicindo que era para os gatos. Nin sei se aos que se dan pote segue resbalándoles el culo de la almohada, aínda que estou certo de que os rapaces seguen tirándose al resbalillo.

Hoxe ninguén é de fóra de portas, e ningún ferrolán dirá que todos os días entra un pinzo pola Porta Nova, pero quizais aínda traballen en Ferrol homes e mulleres da outra banda.

Pode que os que non teñen cartos sigan estando arruche, pero non creo que ningún rapaz de Ferrol pida a un amigo que está fumando, déixame a pava; nin a outro que come un bocata, déixame o cornecho.

«A todo filispín»

Os que teñen presa seguirán saíndo mangados, cagando leches, cagando virutas e a fume de carozo; pero cada vez haberá menos quen saia a todo filispín.

Non sei se seguirá habendo ferroláns máis vagos que a chaqueta dun guardia, pero xa non os hai que traballen dentro, nin lefres de caldereta, nin rapaces que vaian ao rapateo.

Seguro que hai xente que vale un güevo e mesmo un güevo y la clara del otro; e xente que come de parrulo, e, desde logo, a inmensa maioría dos ferroláns seguen tirando el polvo ou echando el polvo.

As que seguen vixentes son as expresións híbridas de galego en castelán, ás veces divertidas, as veces ridículas, ás veces máxicas. Amador era un mozo seductor que ligaba en castelán, pero no momento máis importante dicíalles docemente: escarrancha, corranchiña. Non lle fallaba unha.

sirolopezlorenzo@yahoo.es