No cantón, a carón das Fabalas estaba a perruquería La Higiénica, de Francisco Otero Capotillo. Un dos empregados era Nandito. Na rúa Magdalena, facendo esquina coa da Terra, estaba a de Novo; e fronte á hospedaxe de Casiano había outra. Non recordo o nome do barbeiro, pero si que no piso vivía un señor xordo que arranxaba plumas, bolígrafos e máquinas de escribir.
Na rúa Real, fronte ao Casino, estaba El Fígaro, da que se dicía que era unha perruquería de postín. Despois foino El Fénix, na rúa do Olvido, que tiña dous empregados e servizo de limpabotas. Fronte a Amador, onde logo estivo Bonilla, tiña a barbería Navarrete, que tamén traballara como perruqueiro da Maestranza. Sempre fora moi gordo, pero cos anos púxose enorme. Vivía en Esteiro, na rúa de Carlos III, nun baixo fronte ao forno de Piana, e pasaba o día asomado á ventá. Ocupábaa toda, aínda que era ben ancha, pero por un recunchiño asomaba tamén a muller, delgadísima e moi miope.
Fronte a Capitanía instaláranse Tolín e Castillo, que empezaran en El Fígaro, como Tomás, o pai de Alfredo Martín, o belenista, que tiña a perruquería en San Francisco, onde o Parador. E na mesma rúa estaban a de Vicentuco e a de Reigosa.
Na do Cárcere a de Pepe, casado con Pepita. Eran vexetarianos e dicíase que tiñan un neno deficiente, que ninguén vira nunca. Pepe bañábase todos os días do ano en Copacabana con Abelardo, o gran nadador que estivera nas olimpiadas de Amberes, e que fixera fazañas como sulcar o Guadalquivir durante setenta quilómetros para chegar a Sevilla. Tamén na rúa do Cárcere estaba a de Gonzalo, que era xorobado.
En Canido había dous perruqueiros: Juanito, no Cruceiro, e Paco, perto da casa de Salomón o fogueteiro. Na praza de España estaba a de Pastrana, que era coruñés e moi deportivista; en Sánchez Calviño a de Hilario, e na estrada de Castela, fronte á Villa Soledad, a de Tito, gran amigo do meu cuñado Paco, e un dos homes máis simpáticos que coñecín.
En Esteiro, ademais da perruquería de Volusiano, estaban a de Aneiros, fronte ao hospital de Mariña; a de Pepe, fronte á porta principal do Arsenal; a de Ramón Cebral en san Fernando; a do pai de Pepe Romero, na rúa de san Carlos, fronte ao bar O Chollo; a de Machaquito, algo máis abaixo; e a de Ríos, máis abaixo aínda. Ríos tiña a voz esgallada porque falaba como unha matraca e a berros. Dúas eran as súas paixóns: falar e o Racing. Unha tarde xogaba o Racing no Inferniño e, como as cousas non ían ben, o público tomouna co árbitro. Ríos era un home pacífico, pero aquel día se lle cruraron os cables e saltou a barreira para irlle pegar ao trencilla. Escolleu mal o momento, porque o trencilla, árbitro ou referí (tres nomes que popularizaran Matías Prats e Enrique Mariñas nas retransmisións radiofónicas) estaba moi lonxe e el tiña máis anos que quilos e moi poucos folgos. Segundo corría polo céspede ía quedando sen alento e cando chegou cabo do árbitro e ergueu a man para zouparlle, dobráronselle as pernas e caería como un saco se o de negro non o recollera nos seus brazos. Dez mil gargalladas estouparon no Inferniño e o pobre Ríos tivo que aturar toda a vida o pitorreo.
sirolopezlorenzo@yahoo.es