A escola, xa se sabe, é a solución universal para todos os males da sociedade. Cando chegan aos medios novas preocupantes sobre certos fenómenos sociais, nove de cada dez entrevistados (especialmente se son responsables públicos) levantarán a cella poñendo severo aceno e asegurarán que a solución final do problema en cuestión «está na Educación», así con E maiúsculo. Hai que tratar ás novas xeracións, que as maiores xa están perdidas para a causa. ¿Preocupa o fenómeno do botellón?, promovamos a Educación para a Saúde. ¿Debemos concienciar ambientalmente? Máis Educación Ambiental. ¿Aumentan os embarazos e venéreas en adolescentes?, necesítase Educación para a Sexualidade. ¿Continúan as agresións entre parellas?, fágase Educación para a Igualdade. ¿A mocidade (ben escaso) escáchase nas estradas?, Educación Viaria á escola. Así o «xénero Educación» vai aumentando en especies segundo a evolución da sociedade o pida, a un ritmo que nin Linneo o daría clasificado. Tomando o tema en positivo, como a columna propón, pódese ver esta tendencia como un recoñecemento do sistema escolar, aínda que unha negra mosca zumba no maxín cando se comproban os medios con que debe funcionar. Ollo, medios son os cartos para ter instalacións dignas e, o máis importante, os que garantan un profesorado cualificado, motivado e suficiente, necesario para afrontar algo tan vello como o mundo: axudar ás mozas e mozos a sacar o mellor da súa potencialidade. Fácil dicilo pero, ¿o logramos? A publicación dos resultados das probas PISA pon á escola galega nun agridoce termo medio respecto á media da OCDE. É unha escola moi igualitaria (boa cousa) que non o fai mal, pero precisa mellorar en bastantes aspectos. O máis urxente, poder atender mellor á diversidade. Concentrar medios humanos onde sexan necesarios para estimular á excelencia e garantir o apoio que moito alumnado (e familias, non se esqueza) necesitan. Consenso político, sosego lexislativo e aulas dotadas farán o resto.