A finais de marzo deste ano o Sr. Rueda, conselleiro da Presidencia, anunciábanos aos ferrolterráns a creación de 2.400 empregos directos durante os anos 2010-2011, sinalando ademais ter claros os obxectivos, «crear e manter o emprego, con calidade e continuidade no tempo».
Pois empecemos por eiqui, a realidade é que dos 973 postos xa creados por empresas que recibiron axudas do Ministerio de Industria, e pomposamente anunciados polo señor Candil, director xeral de Industria, podemos asegurar quedan en activo menos de cen, de empresas subvencionadas no seu día, hoxe desaparecidas ou sen actividade. Para máis inri o descaro da Xunta, contabilizando os contratos en formación, xestores do propio Plan, etcétera.
Parece obvio que nin calidade, nin continuidade. Pero tratábase de facer propaganda, así, sen ningún rubor, voltase a anunciar como algo novo, as axudas de financiación as empresas, ou o desbloqueo do capital-risco, cuestións xa recollidas no plano director presentado no mes de marzo.
Pola contra non existe ningunha nova acción, todo o contrario, varias actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galiza, votaron o traste con sectores dos denominados no seu Plan, motores de futuro. Así no concurso de biomasa facilitase a entrada de grandes grupos españois, deixando fóra os proxectos existentes para a nosa comarca. No que respecta o sector eólico, xa non solo pararon a súa posta en marcha, co que iso supuxo en posibles postos de traballo, senón que aí está sen dar sinais de vida o Clúster Eólico, que xunto con Navantia tería que estar traballando en proxectos de futuro. Cabe preguntarse que é do Centro Tecnolóxico do Naval, sen desenvolver e en desconexión absoluta cos proxectos de investigación da Universidade.
Pero ¿de que Plan de futuro se pode estar falando cando non se coñece absolutamente ningún proxecto de I+D+i?
É hora de levantar a voz, de dicirlle tanto ás Administracións, como aos seus cómplices, que xa basta de enganos. ¿Por que non aplicamos o sentidiño e empezamos polo básico?, que sería defender o noso, o que xa temos e sabemos facer, sen obviar, claro está, traballar en proxectos de futuro. ¿Por que a Asociación non participou na iniciativa encontra do veto Astano, ou non di nada sobre o Decreto do Carbón?
Desgraciadamente, unha vez máis a solución que nos tratan de implantar nesta comarca ven pola vía de comprar vontades e calar bocas con cartos públicos.