Tres bares de Esteiro

POR SIRO?

FERROL

A comezos dos anos cincuenta, a señora Remedios «a das patacas» púxolle as cousas claras a Salvadorito, o fillo maior, cando empezaba o cuarto e último curso de aprendices de talleres en Bazán: -«Aquí tes a túa cama, pero mentres non entregues a paga, como fan todos os rapaces nas súas casas, a comida non cha dou. Apáñate como queiras». E Salvadorito apañouse con Manolo o do bar El Tambre, que estaba na rúa de San Nicolás, a cincuenta metros da súa casa.

-Manolo, vou vir comer e cear todos os días. ¿Canto me vas cobrar?

-Como a todos. Quince pesos á semana. ¿Cando empezas?

-Agora mesmo. ¿Que tes hoxe?

-Hoxe é xoves, temos callos.

-Pois ponme os callos.

E Salvadorito enfrontouse a un prato de garavanzos con algunha tallada polo medio e un oso grandón. Papou todo nun plis-plas, roeu o oso, e marchou. Á noite chegou esfameado e preguntou:

-Manolo, ¿que temos para cear?

-¡Home, os callos que sobraron ao mediodía! ¡Non vou tirar con eles!

E Salvadorito viuse ante outro prato de garavanzos con algunha tallada polo medio e un oso grandón, que tiña unha curiosa semellanza co que roera pola mañá.

Pasou a semana e o xoves seguinte repetiuse a conversa entre taberneiro e cliente:

-¿Que temos hoxe, Manolo?

-Callos, como todos os xoves.

-Pois veña os callos.

E Salvadorito viu ante el un prato de garavanzos con algunha tallada polo medio e un oso grandón, que lle resultou coñecido. Sacou a navalla e fíxolle unha marca. Á noite, como non era cousa de tirar os callos que sobraran ao mediodía, Salvadorito dispúxose a cear un prato de garavanzos con algunha tallada polo medio e un oso grandón, idéntico ao das tres comidas anteriores. Ollouno atentamente e descubriu a marca que lle fixera coa navalla. Ás veces, entre os callos aparecía tamén algún palillo dos dentes.

A verdade é que o bar Entra y verás, na rúa de Carlos III, tiña pouco que ver. Escuro e feo, co mostrador á esquerda e un billar americano na entrada, á dereita, a única cousa de admirar era a relación entre Manolo, o taberneiro, e os xóvenes futbolistas do Esteiro que ían tomar uns viños e xogar ao billar. A panda de Epi, Fecho, Coché, Xelo, Piño Meirás e algún outro, aguzaba o enxeño para facer burlas e cancións a Manolo, que o taberneiro encaixaba con boísimo humor. Un día levaron un tubo longo de goma flexible, e mentres Manolo ía á cociña, ou atendía ao fillo, Manolito, ao que adouraba, apañáronse para metelo no barril, aspirar e beber. O éxito animounos a repetir a trécola en días sucesivos, ata que Manolo notou que o viño baixaba na pipa e que os clientes saían «trompas» cun par de claretes. Agardou a que o barril estivera nas últimas e largoulle dentro un caldeiro de vinagre, e cando chegaron os bromistas deixoulles tempo para sacar a goma e atacar a pipa. Non saíu da cociña ata escoitar os xuramentos e os berros de noxo. Despois púxolles uns viños coa xenerosidade dos verdadeiros triunfadores. Manolo e a muller traspasaron o bar e puxeron na rúa Real a confitería El Negrito.

Un bar moi coñecido en Esteiro foi o de Enrique, na rúa do Campón. Era tenda de comestibeis, pero detrás das portas vaqueiras estaba o bar, e no patio o xogo da chave. Enrique e a muller eran moi limpos, e notábase no bar. Tiñan dúas fillas moi guapas. Unha casou con Emilio, o do café Avenida, e a outra con Montero, un funcionario de Mariña, que polas tardes daba clases na Academia Mercantil.

sirolopezlorenzo@yahoo.es