Manuel Pita-Romero Souto non era maragato. Nacera en Esteiro, nunha rúa de nome simpático e evocador de larpeiradas infantís, que xa non existe: a calle Barquillo. -«¡Barquillos de canela. Hay barquilloooos!», pregoaba con voz cantareira polas rúas de Ferrol aquel home moreno, alto e fraco, coñecido por Faneca, que levaba ao lombo o barrilete metálico, decorado, e con ruleta incorporada.
Con dezaste anos Manuel emigrara a Cuba, e traballara nunha tenda de alimentación. Cando tivo apetado un furricallo volveu e asociouse cun curmán para crear un almacén de coloniais nun baixo fronte ao cine Cinema, na confluencia das rúas María e Rubalcava.
Despois, no ano 1933 edificou a casa vivenda no número 7-9 da rúa Galiano -onde hoxe está un centro comercial pechado-, e levou o almacén para o baixo.
Manuel casou dúas veces, a primeira con Amalia Romero, e tiveron tres fillos: Alfredo, Manolo e Josefina. Ao enviuvar, casou con Amalia Pantín, curmá da primeira muller, viúva de Plácido López, e nai do que sería o coñecidísimo médico Plácido López Pantín, a quen o pai non chegara a coñecer.
No 1936 Manuel deixou a xestión do almacén ao fillo maior, Alfredo, e retirouse. Na empresa -á que se incorporaría Rafael, o menor dos fillos- chegaron a traballar quince persoas. No ano 1978, despois do traslado do almacén á rúa Venezuela, pechou.
De cantos coñeceron os anos de esplendor da empresa Pita-Romero só vive Rafa, casado con María Pilar Caamaño Cebreiro, unha das fillas do alcalde Francisco Caamaño.
Outra, Isabel, está casada con Antonio Gómez, o xoieiro. Francisco Caamaño e Victoria Cebreiro, a muller, ían moito por Esteiro porque ela era irmá de Maruja, a muller de Luis o Zoqueiro. Nos primeiros anos cincoenta, un dos fillos varóns dos Caamaño, Paco -alto, delgadiño e loiro, que entrou en Mariña-, xogaba moitas veces con nós a quedas en Carlos III, e corría que se pelaba. Tamén andaba por alí un irmán pequerrecho, Juan, a quen volvín atopar cando foi conselleiro de Pesca.
Hai nomes que impoñen unha profesión. Un Manuel, un Pepe, un Enrique, poden ser calquera cousa, pero un Celedonio ten que ser por forza almacenista de coloniais.
En Ferrol, na rúa Dolores, fronte ao restaurante Pataquiña, estaba Celedonio Álvarez, que suministraba as mercadorías á miña amiga Lupe, nai do meu amigo Pepe Rivas, que montara unha tenda pequeniña nun baixo do Campón. Cando escaseou o azucre, Celedonio deu prioridade aos mellores clientes e Lupe quedou sen atender. Ferida no amor propio, foino ver e díxolle:
-¿Débolle algo? Non, ¿verdade?. Pois cando lle sobre o azucre véndallelo aos que llelo vendeu agora, que a min non me vende máis.
E pasou a traballar con Andrés Martínez, que tiña o almacén fronte ao Cinema, no baixo onde estivera Pita Romero.
Ao almacén de Andrés Martínez entrábase pola rúa María, pero o acceso para as mercadorías estaba na rúa do Sol. Un día, cando o camión cisterna descargaba a través dunha mangueira o viño de Cacabelos, pasou Jesús, un rapazolo pequeno, sobriño de Jesús Vidal, un profesor que puxera escola con Alfonso Chao, o sogro de Panchete, na rúa María, onde hoxe está o Gadis. O rapaz viu que a mangueira estaba picada e que caía un chorriño, así que se deitou no chan, abriu a boca e, ao xeito do Lazarillo de Tormes, deixou que o viño lle correse pola gorxa abaixo. Foi a primeira trompa da súa vida e tamén a máis barata.
Dos almacéns de viño que había na cidade recordo o de Ceniza, fonte ao cine Capitol. Despois foi de Arturo, que o levou á rúa María, fronte o hotel Almirante, a carón da fábrica de gaseosas La Barca.
Na rúa do Carme, perto de El Fénix, estaba Nistal, de familia maragata que tiña almacéns en Betanzos e Vilalba. Na estrada de Castela, esquina República Argentina, estaba La Cepa; e na chamada finca dos protestantes, había outro almacén que presumía de ser o primeiro en ter viños Coes e Villalar.