Setembro sempre trae un novo comezo de curso, este ano cargado de interrogantes para toda a comunidade escolar. A incorporación dos máis pequenos e dos universitarios (o Plan Bolonia está a remover vellas tradicións, empezando pola data de inicio de curso) complétase hoxe venres coa incorporación do alumnado de ensino secundario obrigatorio e de ciclos formativos. Os inicios de curso son sempre datas de actividade febril nos centros, non sobra o tempo para poñer a andar unha organización complexa (máis do que superficialmente poda parecer) coa que atender a diversidade persoal que forma toda sociedade. Cando se escoita e leen declaracións de líderes sobre a importancia da educación para calquera país non se pode evitar o desacougo de comprobar a diferencia entre as palabras e a realidade. É difícil construír un sistema educativo eficiente cando as principais forzas políticas non foron quen de chegar a un pacto educativo mínimo que aporte a serenidade, organización e medios humanos e materiais necesarios. Certo que moitos dos acelerados cambios dos últimos anos viñeron en boa medida da necesidade de adecuar o noso sistema ao marco común europeo. Certo tamén que o sistema español partía de notables carencias que foron paliándose con inversións e esforzos notables de administracións e profesorado. Certo que iniciativas das últimas lexislaturas adoeceron dunha ambición pouco acompasada coa capacidade de cambio dun sistema educativo sobre o que recaen todas as posibles solucións a cada problema mediático, dende a educación para a saúde ás mortandades do tráfico, a escola semella para moitos o bálsamo de Fierabrás. Mágoa que estas declaracións vaian seguidas de recortes de profesorado que están a encher as aulas en números que non recordan os vellos do lugar. Unha boa educación precisa de equipos humanos eficientes nas administracións e colaboración coas familias para que nos centros se poda facer o mellor traballo cun ben escaso, os nosos fillos.