Cando busca tranquilidade non se move do seu concello. Atópaa en Fontao, na parroquia na que se criou, Narahío. Recoñece que o que lle piden os veciños son cousas normais, o que pediría calquera persoa. A súa mágoa cravada: a de poder ter defraudado a alguén.
-¿Que é o que lle reclaman os veciños?
-Cousas normais. Queren vivir tranquilamente e poder contar cos mesmos servizos que hai nas zonas máis urbanas.
-¿San Sadurniño perdeu co cambio de Goberno na Xunta?
-Perdeu toda Galicia, e non o digo porque sexa un Goberno distinto, senón porque o actual non está facendo os deberes. Claro que San Sadurniño perdeu, como todos os concellos. O bipartito foi positivo non so para este municipio, foino para todo o país.
-¿Cree que se conseguiu que San Sadurniño ocupe o lugar que merece na comarca?
-Estamos empezando a lograr que sexa un concello coñecido. Non podemos competir con outros costeiros, turísticos ou con gran patrimonio histórico, pero hai que ter en conta que debemos explotar que somos o extrarradio de Ferrol. Podemos competir dentro do denominado sector servizos.
-San Sadurniño é un dos poucos concellos da comarca nos que goberna o BNG. ¿Como ve ao seu partido?
-É unha forza viva con militantes moi comprometidos e cun funcionamento democrático.
-Pero, ¿vai para enriba ou para abaixo?
-Electoralmente foi cara abaixo, pero vai recuperar o seu espazo. O BNG é unha ferramenta necesaria para o país. Se non estivera, habería que inventala.
-¿Onde pensa que obterá bos resultados o Bloque nas próximas eleccións municipais?
-Penso que os vai conseguir aquí, en As Pontes, Fene, Moeche...