De roupa, traxes e xastres

POR SIRO?

FERROL

No ano 1950 os nenos vestiamos como vellos e hoxe os vellos vestimos como nenos. Como nenos de hoxe, claro, porque o neno que eu fun non levou nunca prendas coas cores vivas dalgunhas que agora teño. As nais poñíannos a diario unha roupa sinxela e cómoda, e os domingos e festivos outra máis elegante e insufrible. Eu anoxaba a camisa de colo duro, amidonado, que me irritaba o pescozo; como anoxaba a gravata -de nó pequeno, que o de triángulo chegou moito máis tarde- e o fixador do pelo, verde e mesto como unha moqueira.

Abrigos, chaquetas americanas ou de punto, xerseis, pantalóns?, todo era de cores escuras, apagadas e tristes. Os pantalóns curtos, por debaixo dos xeonllos -os de poñer a diario soían levar tirantes incorporados-; os calcetíns de media perna ou baixos, que, non sei por que, sempre se baixaban polos talóns e desaparecían tragados por uns zapatos durísimos, que facían chagas nos calcañares e nos dedos pequenos. As botas mancaban máis aínda, e miña nai, que era filla de zapateiro, amolecíaas con sebo e cun martelo de bola.

Tamén se consideraban prendas «de vestir» os pantalóns bombachos -aínda que se vían poucos- e os tirantes de quita e pon nos rapaces, e a boina e a viseira nos nenos pequenos. Os petos, de dril, perneira longa ata os pés e tirantes cruzados nas costas, eran para os días laborabeis, e os mesmos rapaces que os levaban adoitaban calzar alpargatas de esparto no verán.

Un lenzo moi usado en prendas lixeiras de homes e mulleres, de maiores e pequenos, era o chamado «mil raias». Seica fora fabricado por empresas catalanas para os uniformes dos soldados españoles nas colonias, e cando se perderon Cuba, Puerto Rico e Filipinas, os fabricantes deron saída aos excedentes creando unha moda de chaquetas, saharianas, traxes, vestidos e mandilóns lixeiros e frescos para a poboación civil. Tivo moita aplicación nos traxes de verán, pero, como encollía, os xastres tiñan que mollalo e deixalo secar antes de cortalo.

Os xéneros máis coñecidos para «cortes de traxe» eran os Colomer, Llonch, Sala e, sobre todo, o Tamburini, de «pura la virxe» e elaboración artesanal. Os de «tergal» non chegarían ata comezos dos sesenta. Eu tiven o primeiro traxe aos catorce anos. Fixéramo meu curmán Manolito Barcia, que tivera xastrería a carón de La Jovita. Dese día gardo unha foto cos meus amigos Pepe Rivas e Pepe Pita, traxeados os tres, tan pouco naturais como se estivesemos metidos en armaduras medievais.

Os xastres pasaban o oficio de pais a fillos, polo que entre os máis coñecidos de Ferrol recordo aos Aboal e aos Tardanzas pais e fillos, nas rúas Magdalena e Real, respectivamente. Outros xastres, tamén de prestixio, eran Mejuto, no comercio da rúa Real; Paquito -de Rafael y Vicente-; Pardiñas, na rúa do Sol; Carollo, no Campo de San Francisco; Elías, na rúa da Igrexa; Alfonso, perto do Tupinamba; D'a Silva, perto de Capitanía; Perfecto, en Esteiro, que era coxo e daba xenio velo bailar, coa axuda da muleta; e outro do que non lembro o nome, que estaba na rúa de Arce e presumía de terlle feito máis dun traxe ao rei Afonso XIII.

Non había xastresas, pero eran moitas as mulleres que cosían e traballaban de axudantes e de pantaloneiras. Miña tía Amalia traballara nunha xastrería antes de casar e marchar a Asturias, polo que lles fixo a roupa aos fillos mentres foron pequenos. Os sogros, boísimos os dous, queríana moito, pero o vello era algo cutre. Un día, a sogra díxolle: «Amalita, necesito un velo nuevo, que me cuesta cuatro duros, pero tu suegro no me los da. A ver si se los sacas tú». A miña tía estaba a facerlles as probas duns abrigos aos fillos, os dous moi pequenos, que se levaban once meses. As probas dos abrigos, como as das americanas, facíanse cunha manga soa. O vello observábaa calado, e por fin preguntoulle:

-Amalita, ¿y los abrigos no van a llevar más que una manga?

-Sí; no tengo dinero para la otra.

Novo silencio e nova pregunta do vello:

-¿Y cuánto cuestan las mangas?

-Dos duros cada una.

O vello ausentouse un minuto, volveu con catro pesos e dixo moi serio: «Toma los cuatro duros y cómprales las mangas a los neñus, que no quiero yo que se rían de ellos».