E agora qué?

Cesáreo Fraga García

FERROL

Despois de que se vertesen ríos de tinta, de moitas opinións cruzadas sobre a oportunidade de pedir na rúa, unha vez máis, o levantamento do nefasto veto que pesa sobre os nosos estaleiros, despois de realizada a manifestación, xa ninguén pode pensar que a UGT fala para obter notoriedade ou rendibilidade sindical. Cando xa moitos botaron fora a xustificada rabia contra a inxustiza do veto, queremos reflexionar sobre o «día despois», sobre o futuro de Astano.

Dende este sindicato sempre defendemos os intereses dos traballadores e traballadoras, eses mesmos que no seu momento deixaron claro que queren un estaleiro público e con carga de traballo. Eses mesmos que, a través dos seus representantes legais, están a pedirlle á súa empresa, aquí e en Madrid, que é necesario buscar novos retos, novas oportunidades para o sector. E como resultado diso hoxe estase a falar, nas conversas entre os traballadores e Navantia e a SEPI, dalgunhas das opcións con futuro, das posibles liñas de negocio, das oportunidades. Todo elo baixo un denominador común: que os estaleiros sexan rendibles. Nin agora nin dentro de cinco anos, xa sen veto, este obxectivo é trivial.

Esta aposta polo diálogo caracterizou sempre á UGT. Así o estamos facendo coa dirección da empresa, compartindo o coñecemento sobre o mercado da construción naval, sobre a conxuntura internacional, sobre cales son as mellores opcións para conseguir, a medio e longo prazo, ser competitivos. A grave crise mundial que está a padecer a construción naval fai que na actualidade case non exista carteira de pedidos en Navantia.

Se por unha milagre hoxe desaparecese o veto, posiblemente pasariamos varios anos sen poder construír un só buque civil. Porén, pola boa disposición que está a ter a empresa nas mesas de negociación, aberta a chegar a acordos, amosando plans a medio prazo, tamén sabemos que pode haber saídas e futuro.

E por iso dende UGT opinamos que a manifestación careceu de oportunidade. Agora é momento de adicar forzas a traballar polo día despois do veto, non de pensar nas eleccións.

Non debemos tampouco esquecer que en Ferrolterra xa existe un instrumento como é o Plan Ferrol e a súa Asociación Impulsora, que sempre defendeu a construción naval como piar básico da economía de Ferrolterra, e que comparte con UGT a mesma prioridade: a creación de emprego.

Estamos moi preto do 2015, data na que se levantará o veto. Temos que estar preparados. Reservemos o esforzo e a loita para que isto sexa así. Necesitamos que se modernicen as instalacións, que se adapten ás novas realidades que nos vai a esixir o mercado, necesitamos que a empresa oriente a súa proa para encarar eses novos tempos, debater e decidir con serenidade que rumbo queremos seguir, en cal teremos éxito.

Agora, estamos en tempo de facer o que mellor sabemos: dialogar.

Centrémonos nos verdadeiros obxectivos. Traballemos dende a prudencia por unha nova esperanza.