Compartín con Anita moitos anos, sempre no campo do social, da loita pola igualdade das mulleres e a promoción das persoas en desvantaxe e exclusión social. Atopeime sempre cunha grande profesional. Con ela descubrín que ser profesional non era tan só f acer o que hai que facer , senón ir máis aló do posible . Nin todos os protocolos nin os horarios impedían a Anita deixar de apostar pola persoa, por riba de todo. Ela comprometeuse con todos os colectivos: coas nenas e nenos do CPI de Atios e dos campamentos; coas familias e coas mozas e mozos en Solidaria; cos maiores en Abrente, como animadora; cos minusválidos no CAMF, sendo coordinadora da área asistencial do centro; a nivel sindical e político, na CIG e no BNG. E como activista na Marcha Mundial das Mulleres. Aquí compartimos tantos momentos marabillosos... Por iso ela era todas, Anita do CAMF, Anita Solidaria, Anita da Marcha... A nosa Anita. Eu tremía cada vez que me chamaba por cousas do traballo. Era porque lle daba voltas a algo. Ela non daba por acabada unha intervención social coma se non houbese outras posibilidades. Ela sempre reflexionaba sobre as situacións das persoas coas que facía o seu traballo. Sempre buscaba algo máis. Recursos. Opcións. Solucións. Chamaba aquí e alá. Sabía que no social hai que aplicar moita creatividade e tamén arriscar. Outra amiga dicía de Anita que era una sustentadora do mundo (Sustentar, segundo a RAE, quere dicir: proveer a alguien de alimento necesario. Conservar algo en su ser o estado. Sostener algo para que no caiga o se tuerza. Defender o sostener determinada opinión. Apoyar). Ese era o xeito de vivir e de traballar de Anita. Esa era a súa semente. A que lle deixa ao seu compañeiro Pablo e aos seus nenos. Ela, que deu tanto, recibiu estes días, a través da súa familia, o respecto, cariño, e amizade de tantas e tantas persoas que pasaron pola súa vida, e que fixeron vida con ela. Anita foise deixándonos como legado o de: «Construír outro mundo, onde a explotación, a opresión, a intolerancia e as exclusións non existan máis; onde a integridade, a diversidade, os dereitos e liberdades de todas e todos sexan respectados» (Carta Mundial das Mulleres para a Humanidade). Anita, vivirás sempre nos meus pensamentos.