O candidato de Terra Galega pide «unha oportunidade» para ser chave no Goberno galego «coa garantía de que o 90% do noso traballo estará destinado a Ferrolterra»
22 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Xoán Gato, ex alcalde de Narón durante os últimos 23 anos, inicia aos 63 anos unha etapa nova para el e os seus. Cunha imaxe renovada e baixo as siglas de Terra Galega pelexa por facerse sitio nas autonómicas con «ilusión» e coñecedor de que boa parte do seu éxito depende dos votantes da comarca.
-Elixiu un momento para presentarse no que hai máis candidatos da comarca que nunca nas listas dos diferentes partidos. ¿Ve esa situación como unha ameaza?
-Para nada. A xente débese coñecer polo que fixo, e non polo que di que vai facer. E nós temos unha traxectoria contrastada na comarca. Penso que saímos beneficiados fronte aos demais candidatos.
-¿En que clave observaba a campaña antes de iniciar a carreira?
-Antes a vía máis difícil, porque os medios económicos que temos non son os mesmos que os doutros partidos, e tampouco os espazos públicos que ocupamos.
-Superado o ecuador, ¿que sensación ten?
-Despois de manter contactos con xente da sociedade, cos empresarios, cos sindicatos, con asociacións... vemos que xa vai collendo forma e por primeira vez temos unha enquisa que nos da un deputado na provincia de A Coruña.
-Pero o seu obxectivo eran tres. ¿Segue vixente?
-Si. Penso que podemos quitar un en Lugo, e se saltamos ese 5% na provincia de A Coruña non é imposible, incluso, chegar aos dous deputados. Xa nas municipais acadamos preto de 24.000 votos aquí e so precisamos un pouco máis.
-Para iso, ten que convencer ao votante...
-Co compromiso. Esta semana fixemos, por primeira vez na historia da Democracia, un acta notarial cos nove puntos que nos comprometemos a cumprir se temos a oportunidade de ser chave no goberno. E iso en dous anos.
-Entre as súas propostas, ¿cal é a máis urxente?
-O primeiro é a austeridade orzamentaria. Non se pode permitir que centos de millóns de euros se tiren polo vertedoiro en gastos innecesarios. Iso significaría un aforro do 5%, que son uns 600 millóns de euros ao ano.
-¿E a que os destinaría?
-A crear emprego. Esa é a segunda medida. E pódese facer da seguinte maneira: un posto de traballo en Río do Pozo custa uns 80.000 euros. Témolo estudado. E crear un emprego para axuda a domicilio e outros servizos non custaría máis que o soldo dos traballadores. Con eses 600 millóns de euros se poderían crear así da orde de 10.000 ou 15.000 empregos.
-Se sae elixido, ¿tirará algo para a casa?
-Entendo que esta comarca tantas veces maltratada necesita unha referencia distinta, e ten que darnos unha oportunidade coa garantía de que se saímos elixidos, o 90% do noso traballo estará destinado a Ferrolterra, sen descoidar, claro, o resto da provincia.
-¿Que coida que lle falta a esta comarca?
-Dende rematar a depuración da ría ata poñer en marcha a estrada ao porto exterior. Despois, habería que ver a posibilidade de transformar Caneliñas nun porto franco, como ten Vigo, para traer mercadorías de toda Europa. Pero hai moitas cousas máis que agora están reservadas so para a política da subvención.
-Non é o primeiro candidato que fala das subvencións...
-Pero ese é un dos meus compromisos. Poñer a Galicia dos dereitos fronte á do clientelismo político. Aquí non hai dereito a unha gardería, ou a un centro de maiores, ou... Todo o que sae no DOG (Diario Oficial de Galicia) vai con subvención diante. E esa é unha palabra que nestes últimos catro anos se prostituíu máis que na época de Fraga.
-¿Que pacto sairía adiante con Gato como chave?
-Todos serían posibles. Pero iso é falar de futuro, e nós falamos de programa. Estamos transmitindo o que fixemos en Narón. E en todo este tempo gobernamos co BNG, co PSOE e co PP, e sempre se cumpriu o obxectivo de poñer a cidade en marcha.