«O 23 ten que convertirse no gran día da solidariedade»

A.D.L. / R.P.P.

FERROL

Narón é un dos concellos que máis se está a volcar na organización do Tren Amigo. O convoi de Feve deterase dúas veces no municipio veciño, no Alto do Castaño e en Xuvia, un concello do que o seu alcalde, Xoán Gato, subliñou onte ante os micrófonos de Radio Voz Ferrol a súa solidariedade.

-¿Como valora o Concello a iniciativa?

-É unha primeira iniciativa especial, sobre todo nun ano tan difícil coma este, no que poder achegar un regalo a todos os nenos é moi positivo.

-Os naroneses están a amosarse moi activos. ¿Podemos dicir que Narón é especialmente solidario?

-Creo que si. O ten demostrado en moitas ocasións da vida, acollendo nenos saharauís, en colaboracións con oenegués... Están acostumados a accións solidarias, e non é de estrañar que isto nos saia con éxito.

-¿Como se vai difundir a iniciativa do Tren Amigo no seu municipio?

-Imos enviar cartas a tódas as asociacións de pais e ás de veciños para que fagan un esforzo engadido e que a xornada do 23 sexa un éxito e se converta no gran día da solidariedade.

-¿Como animaría á participación aos seus conveciños?

-Hai cousas na vida que dan satisfaccións. E cando un fai unha acción para axudar a outras persoas, sobre todo a nenos, queda un bo sabor de boca. Por iso fago un chamamento a todos, nenos e maiores, a participar. Non hai cousa máis fermosa que tender unha man ás persoas que o necesitan.