«Ferrol esquece que é sobre todo os seus barrios, que é onde está a vida»

FERROL

Cofundadora e directiva da Asociación de Mulleres de Santa Mariña, lamenta que a día de hoxe aínda non se recoñeza o verdadeiro valor do traballo das amas de casa

19 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ten Ana María Martínez Naveira (é dicir, Ana) algunhas virtudes que non se pagan con nada. Por citar só dous exemplos, o seu permanente entusiasmo e o seu incombustible bo humor. Cofundadora e directiva da Asociación de Mulleres de Santa Mariña, estes días traballa coas súas compañeiras na preparación da Festa dos Callos, que en maio volverá reunir máis de 5.000 personas na que a día de hoxe xa é, sen dúbida, outra das grandes celebracións gastronómicas de Galicia.

Naceu Ana, en 1945, na parroquia de Serantes, nunha familia que ten parte das súas orixes na comarca de Betanzos, pero en Santa Mariña leva «corenta anos», que como ela di tamén é «unha vida». Nai de dous fillos e avoa de catro netos, cre que «Ferrol esquece que é sobre todo os seus barrios, que é onde está a vida», e lamenta que en pleno século XXI a sociedade siga sen darlle ao labor que fan as amas de casa a importancia e o recoñecemento que merecen. «Eu penso que as amas de casa tiñan que ter un salario, que sería importante poñérllelo; así non terían que estar traballando todo o día sen poder contar con outros cartos que os que lles leven os seus home». «Encima as mulleres -comentan- son as que teñen que facer todo o traballo da casa. Incluso cando traballan fóra. Vas traballar a outro sitio -di-, e na casa ninguén che bota unha man. Como se iso non fose responsabilidade da familia enteira». Cando grazas ao seu esforzo e ao das súas compañeiras, Santa Mariña recuperou desde as festas patronais ata o seu emblemático maratón popular, ademais de impulsar o teatro afeccionado, pensou que «co tempo, iría chegando o relevo». Pero non foi así. «Sería bo que a xente nova se incorporase a estas cousas -reflexiona-, porque o máis importante é o que se fai entre todos».