A historia de Mugardos é reivindicativa de por si. E iso materializouse en mil e un plenos durante os últimos mandatos. Tal é así que as batallas dialécticas convertéronse dende hai anos na dinámica de sesión nas que o punto de inflexión estaba na división entre «beirarrúas si» e «beirarrúas non», por poñer un exemplo.
Agora, ese sentir político, froito da propia división ideolóxica natural dos veciños, exprésase doutro xeito: «Reganosa si, Reganosa non» é o debate que impera no Concello. E as responsabilidades de todo canto acontece salpican a quen se achega mesmo ao rexistro municipal e asoma os fociños ao salón de sesións solemnes. A mesa que cada mes debe presidir as decisións do ir e vir diario de Mugardos é agora táboa de debate sobre os temas máis variopintos, cun encerro que se prolonga xa máis aló dos cen días.
Mentres tanto, o goberno municipal colle a variante dos despachos. A discreción política é a tónica dominante. Iso, e a temperanza dun rexedor ao que lle choven responsabilidades que nunca pensou chegar a acadar axudan a miúdo a calmar a situación. Ao fin e ao cabo, todos son veciños e as protestas non pasan da mera dialéctica.
Pese a todo, bótanse de menos as discusións vehementes entre partidos da oposición sobre supostos delitos urbanísticos ou mesmo as beirarrúas. As sesións plenarias son agora un ir e vir de pancartas e reivindicacións que superan a orde do día.