Secundino García capitanea un goberno de coalición, «sólido e sen fisuras», co que quere facer do municipio «un lugar agradable onde vivir»
12 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Secundino García (San Sadurniño, 1965) tivo a sorte de ter que pactar cun amigo da infancia. Por iso, ao bipartito BNG (5 edís)-PSOE (1), máis que chamarlle goberno de coalición, deixa claro: «Somos un goberno». Na súa testa ten un cento de proxectos para San Sadurniño, tantos como días leva na cadeira da alcaldía.
-¿Custoulles aos veciños acostumarse a un novo alcalde despois de tantos anos?
-Penso que non, ademais foi iso o que decidiron nas urnas. O que percibimos nada máis chegar ao Concello é que o poder municipal estaba moi afastado do vecindario. Nós queremos xusto o contrario, de feito, fixemos asembleas por todas as parroquias, e o nivel de participación foi altísimo.
-¿Que se facía antes e que queren facer agora?
-Queda moito por facer, sen dúbida. O anterior goberno centrouse na construción da rede viaria, que é boa, pero do resto, aínda temos moito que traballar. Un exemplo, fóra do centro da vila non hai rede de abastecemento e saneamento de auga.
-¿Cal é o seu proxecto de futuro para San Sadurniño?
-Non queremos que este municipio se converta nunha vila dormitorio, nin construír chalés para que só veñan os de fóra. Apostamos pola rehabilitación das vivendas abandonadas, para os que están se queden, e os que marcharon, regresen.
-Non será fácil...
-A idea é dotar á zona urbana e a rural dos mesmos servizos básicos. Queremos ter un planeamento urbanístico, e que os veciños participen nel, que sexan eles os que decidan o que vai a pasar co seu pobo. Ten que mudar o pensamento de que o rural só precisa farolas e beirarrúas. Queremos unha residencia, unha galescola, un polígono industrial... e ata unha liña wimax para que se poida acceder a Internet. Non queremos estar illados nin ser o extrarradio de Ferrol.
-Para iso precísase moita inversión.
-Xa tivemos contactos con todas as consellerías, e xa pasaron polo municipio un bo número de representantes da Xunta. En breve, firmaremos un convenio con Xestur para a urbanización dunha zona industrial de 700.000 metros cadrados, que non só traerá emprego para San Sadurniño, senón que aumentará os recursos ordinarios do Concello.
-¿O balance dos cen días é positivo, non si?
-Moito. É unha experiencia nova para todos, e penso que iso é un incentivo á hora de coller as rendas do Concello. Hai que recordar que a metade do goberno son novos na corporación. Sen dúbida, hai unha boa sintonía.
-¿O pacto non corre perigo algún?
-Claro que non. Xa digo que máis que un goberno de coalición, somos un goberno, cun obxectivo común, o de facer de San Sadurniño un municipio agradable para vivir.