Un BNG fortalecido, que aproveita ao máximo o cambio

A. U.

FERROL

Din as linguas experimentadas de San Sadurniño que nunca tal viran nunhas eleccións municipais, como as acontecidas o pasado mes de maio. Poucos esperaban que quen durante case dúas décadas levou o bastón de mando do Concello (o popular Constantino Bedoya) obtivera nas urnas o mesmo número de concelleiros que o BNG. Sorpresa foi para uns e para outros, para Bedoya que recoñeceu no seu momento que nin se imaxinara uns resultados así, como para Secundino García que, tras liderar a lista do BNG dende o 91, logrou por fin facerse co favor do pobo. Polo soño cumprido de romper un ciclo continuísta do PP no goberno ou pola chegada de savia nova ao Concello, nacionalistas e socialistas están a aproveitar ao máximo o cambio. Xa deixaron claro as ganas de facer unha política diferente, na que a participación cidadán, unha máxima do facer dos nacionalistas, terá moito protagonismo. O equipo de goberno está a elaborar un regulamento de participación cidadá, para que os veciños poidan falar nos plenos ou tomar parte no día a día da vida municipal. Obxectivos O bipartito de San Sadurniño ten por diante nos próximos anos tres importantes retos, que de cumprirse, serán os alicerces do desenrolo do municipio: o planeamento urbanístico, o polígono industrial e unha rede de instalacións asistenciais. Un bo entendemento das dúas formacións políticas do equipo de goberno é o que cabe esperar nos próximos catro anos. Está claro que tanto os concelleiros do BNG como o do PSOE aproveitaran a súa sintonía coas consellerías da Xunta para converter a San Sadurniño nun municipio independente, que non estea subordinado aos servizos doutros municipio próximos como Narón e Ferrol.