Unha exposición no Torrente Ballester abre a programación da homenaxe a Díaz Pardo

La Voz R. L. | FERROL

FERROL

KOPA

07 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? inauguración esta tarde, no Centro Cultural Torrente Ballester (20.30 horas, entrada libre), da mostra que se lle dedica a Isaac Díaz Pardo, abre en Ferrol a programación da homenaxe galega promovida pola Asociación Cultural Fuco Buxán. A mostra, vertebrada arredor da creación do Laboratorio de Formas -unha iniciativa na que traballaron xuntos o propio Díaz Pardo e Luís Seoane-, invita a abrir unha reflexión sobre a transcendencia dun proxecto que constitúe un verdadeiro fito na creatividade de Galicia, segundo viñeron sinalar onte tanto o presidente de Fuco Buxán, Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, Lalán , como a poeta, profesora e directiva desa mesma entidade Rosa Méndez Fonte. A programación da homenaxe tamén inclúe a celebración de dúas mesas redondas sobre a figura de Isaac Díaz Pardo, ambas na sede ferrolá da Fundación Caixa Galicia, no Cantón de Molins. A primeira delas será mañana, ás 20 horas, e nela, coa coordinación do académico Xosé Luís Axeitos, intervirán Manuel Aznar Soler, Camilo Díaz e o autor de Memorias dun neno labrego , un dos máis emblemáticos títulos de Ediciós do Castro, Xosé Neira Vilas. A segunda mesa redonda sería o día 23, e nela, coa coordinación do tamén académico Euloxio Ruibal, estarán Fermín Bouza, Andrés Varela e Fernando Salgado. O acto central da homenaxe será o día 2 de marzo, no teatro Jofre. Alí actuará o grupo Milladoiro, e lerán os seus poemas Eva Veiga, Xosé Leira, Laura Landeira e Rosa Méndez, ademais dun dos clásicos vivos da literatura de Galicia, o compostelán -sempre moi vencellado a Ferrol- Salvador García-Bodaño, académico igual que Ruibal e Axeitos, e unha das máis sólidas voces da literatura portuguesa contemporánea, José Viale Moutinho. Encontro en Punta Arnela Ese mismo día, e unha vez finalizado o acto do Jofre, celebrarase unha cea homenaxe no recinto ferial de Punta Arnela, na que está previsto contar coa presenza de representantes das máis diversas instancias de Galicia. A exposición que esta tarde se inaugura no Centro Cultural Torrente Ballester clausurarase o día 8 de marzo. Onte, o presidente da Asociación Fuco Buxán agradeceu publicamente o apoio de cantos expresaron xa que se suman a esta homenaxe. A unha homenaxe que el quere que sexa -así o subliñou Manuel Ángel Rodríguez Carballeira- «de todos os galegos». Rosa Méndez Fonte, pola súa banda, salientou o desexo de que «Ferrol sexa un referente para todo o país» a través desta homenaxe, e adiantou que, aínda que a data da presentación está sen concretar, vaise editar un libro de homenaxe a Díaz Pardo do que tamén se entregará un exemplar a cantos asistan á cea que se servirá no recinto de Punta Arnela. «A nosa homanaxe -recalcou a profesora e poeta ferrolá- está aberta a todo o noso país, porque o que pretendemos é que todo o noso país lle faga este agasallo a Isaac (Díaz Pardo)». Para Rosa Méndez Fonte, xa é preciso, neste momento da historia de Galicia, saber ver «o que a figura de Isaac representa» en «toda a súa dimensión»,