E Modesta non quixo ver...

María Hermida
María Hermida CABANAS

FERROL

FOTOS: CÉSAR TOIMIL

En directo | A dimisión dunha histórica alcaldesa de Ferrolterra Tras 23 años presidindo plenos, a rexedora ausentouse onte dunha das sesións máis importantes da súa vida; a que a aparta da política e da paso ao relevo en Cabanas

26 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Soamente aqueles que superen a barreira dos vinte e tantos terán na súa memoria unha imaxe que a partires de agora será cotiá en Cabanas: é a fotografía dun Concello no que, tras 23 anos, Modesta Anca non será a persoa que empurre o bastón de mando. Esa nova imaxe, histórica tras dúas décadas de goberno da rexedora, xa se vislumbrou onte: como moitos predicían, Anca non quixo estar presente no pleno no que estaba anunciada a súa dimisión. Será polo inédito da situación que, onte, na sesión, dende o primeiro momento se palpou que nin os concelleiros da oposición nin os do propio goberno sabían moi ben como actuar sen ver, presidindo o debate, a xa ex rexedora. Foi por iso que, malia a que non foi ata o final da orde do día cando José Freire, compañeiro de filas de Anca, falou da dimisión, os concelleiros do PP e, sobre todo, os de Iniciativa Veciñal Cabanesa, non aguantaron sen facer constantes referencias a ausente alcaldesa. Chamáronlle «corrupta», «covarde» e dixeron que era lamentable que «un mago vaia sacar da chistera un papel no que se anuncie a dimisión». Eses mesmos concelleiros, sacando partido das poucas ganas de alzar a voz do alcalde en funcións, José Rey, converteron a sesión en pouco menos que un patio de veciños. Xa que logo, e aínda que a orde do día era escasa -aprobáronse as obras do plan de axudas da Deputación e unha moción do BNG para adherirse ao consorcio de Servizos Sociais da Xunta-, no debate oíuse e viuse de case todo. Non faltaron as faltas de respecto; os insultos a familiares dos concelleiros; os berros dalgúns membros da corporación mentres outros facían uso da quenda de palabra; as acusacións cargadas de rancor; os debates estériles sobre cuestións alleas totalmente ao Concello -falouse da xestión de Quintana, do decálogo de José Blanco...- e máis e máis palabras subidas de ton. Só vendo ese titánico combate, con constantes acusacións persoais, un podía entender porque, quizais, Modesta Anca decidiu non acudir á que podería ser a súa última sesión. E entendíano así, por exemplo, os altos cargos do PSOE galegos alí presentes. Xabier Carro, deputado no Congreso, ou Iván Puentes, secretario comarcal, non daban creto ás surrealistas escenas que se repetían. Eles, a pesares de ser dous dos compañeiros de filas máis criticados por Anca dende que foi condenada por un delito urbanístico e o partido pediu a súa dimisión, puxéron a nota de cordura e só tiveron palabras de ánimo para Rei, alcalde en funcións, e de agradecemento para a ex rexedora. E foron esas palabras, precisamente, os únicos eloxios cos que marchou do Concello a histórica alcaldesa de Ferrolterra. Más información na páxina 13 (sección de Galicia).