«Ferrol é unha cidade modélica»

Evaristo Amado FERROL

FERROL

MARÍA VILLAR

Crónica | O mestre Basilio Losada visitou Galicia para falar sobre Álvaro Cunqueiro O primeiro catedrático de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade de Barcelona analizou no Torrente a acollida que tivo o escritor nas terras catalás

13 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Cunqueiro, autor dunha obra que rezuma unha tristeza profunda, foi un incomprendido en vida dentro da terra que inventou a morriña, a súa Galicia natal, donde, paradóxicamente, tíñano por excelente e divertido fabulador. Ese foi o tema central que desgranou onte o profesor Basilio Losada, catedrático de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Barcelona, na conferencia Álvaro Culqueiro e os seus amigos cataláns, dictada no Torrente Ballester e que amosa como o verdadeiro recoñecemento chegoulle ao escritor en Cataluña antes que en terras galegas. Para Losada, a burguesía viguesa daquela época tiña ao escritor de Merlín e familia, obra que agora cumpre 50 anos, por unha especie de bufón ao que invitar para escoitar preciosas historias despois de comer. En Cataluña, pola contra, «Cunqueiro foi comprendido e acollido con deslumbramento. Alí sentíase libre e ninguén o trataba como a un tipo divertido, a diferencia dalgúns académicos galegos, que menosprezaron os seus libros como sinxela literatura de evasión e floclore». O ilustre monfortino tivo a Néstor Luján e a Joan Perucho como mentores «innecesarios» e celebrou alí numerosas conferencias, coma a dun selecto clube ao que Losada non puido asistir porque era de pago. «Vin a Cunqueiro antes de entrar na sala pero non me atrevín a pedirlle que me deixara pasar», conta o mestre Losada. Xurado do premio Esquío en oito edicións, Losada cambiou Lugo pola cidade condal aos cinco anos, un feito que lle fixo converter o seu amor polo galego nunha profesión. Chegou a impartir leccións da lingua rosaliana a clases de 900 alumnos na Universidade de Barcelona. Unha revelación A cidade ferrolá foi, alá polos anos sesenta, unha auténtica revelación para o catedrático Losada. «Coñecín Ferrol por primeira vez nunha viaxe na que amosaba Galicia á miña muller». O propio pai do mestre fixo o servizo militar no castelo de San Felipe e falaba a cotío ao seu fillo da cidade departamental: «Ferrol é sempre unha sorpresa, unha cidade modélica onde coñecer o urbanisno racional do século XVIII», explica. Ao catedrático interésalle a planificación da cidade que servira como «punto de arranque para numerosas institucións culturais». Entre elas, Losada non se esquence de citar o recén reestreado teatro Jofre. «Teño visitado teatros como os da Ópera de Milán, a Fenice de Florencia e a Bastilla de París. Non vou dicir que o Jofre os supera pero, tendo en conta o tamaño de Ferrol, aseguro que a súa importancia non é inferior». Galicia foi para Basilio Losada un «paraíso da infancia» e sobre todo, un premio. O seu pai chegou a condicionar as vacacións do pequeno Basilio ao premio de matrículas de honra en todas as súas asignaturas, o que supuña manter un traballo constante para «poder voltar á aldea e falar en galego». Dun estudioso que chegou a dicir «en países pequenos, como Cataluña ou Galicia, a crítica literaria só serve para crear inimigos» e viaxa con asiduidade por todo o mundo, non sorprende que desexe «retirarse nunha illa do mar Báltico». «Prefiro conservar de Galicia unha imaxe ideal que, de seguro, non se axusta á realidade; a Galicia ideal dos emigrantes».