DENDE ESCANDOI | O |
12 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI se a vostedes lles pasa o mesmo, pero parece que para un van perdendo todo o valor cousas que noutro momento si o tiveron, e vense dunha maneira distinta outras ás que ata parece que un non quería nin mirar. A min, e desculpen a confidencia, iso ocórreme incluso cos recordos. É coma se a nostalxia do que parecía esquecido fose un destino máis. Onte, cando os nenos, entre eles a miña pequena, empezaban o curso na escola, eu non podía deixar de preguntarme, á porta do colexio, qué clase de futuro estaremos construíndo para eles, se realmente o mundo que lles imos deixar é o mellor. Oxalá ese sexa un mundo -e por suposto este lugar no que hoxe vivimos nós- onde ninguén careza dun traballo digno. Nin dunha boa sanidade. Nin de acceso á educación... Non, non quero para eses nenos o mundo no que nacín. Ou non exactamente ese. Quero que teñan (como merecen, como temos a obriga de legarlles) mil oportunidades máis. Pero, polo que a min me toca, non lamento ter vivido o tempo no que soñaba cun cabalo, xamais cun coche de colores; no que as casas tiñan vida propia e sombras dentro; cando ninguén se atrevería a tratar un vello mal. Doulle grazas a Deus por ter vivido aquel tempo. E digo, coma o máis grande poeta alemán, que tamén eu tiven un día unha patria moi fermosa.