DENDE ESCANDOI | O |
22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.CHÁMASE JOHN, John Rutherford, e é un galego que dá clase de literatura hispánica no Queen's College de Oxford, cousa que ten moitísimo mérito -non o de ser profesor en tan prestixiosa universidade, que claro que tamén o ten, cómo non o vai ter, iso nin comentario merece, senón o de ser el un galego-, porque naceu en Inglaterra, nun lugar ao que lle chaman Saint Albans. Acaba de publicar un libro, unha magnífica novela, na editorial Galaxia: As frechas de ouro , unha historia sobre o Camiño de Santiago. Pero non era do libro do que eu quería falarlles aquí, senón de John, que é unha proba vivente do certo qué é iso de que os países que verdadeiramente importan son máis grandes nos corazóns que nos mapas, magnífico prodixio que é o que permite ser un ribadense de nacencia británica. Á beira de John, nesa mesma universidade, formáronse grandes intelectuais galegos doutros sitios, como Craig Patterson, profesor en Escocia, que tendo nacido na chaira inglesa é bastante de Mugardos, e Gabriel Rei-Doval, dende hai un ano profesor nos Estados Unidos, que viu a primeira luz nunha casa do Baño, a ben poucos metros de onde desembarcou e onde ao esvarar levou unha zoupada a raíña Mariana de Neoburgo, esposa da Súa Maxestade El-Rei Carlos o Enfeitizado. Acórdome agora de John e deles, precisamente agora, porque ao abrir un caixón encontrei unha foto que nos fixemos xuntos, galegos todos de diferentes bretañas, no campus de Birmingham, con Basilio Losada, que é do mundo enteiro, pero tamén de Láncara. Eu faláballes do meu padriño Ramón, que facía pan, sabía os camiños todos e tiña un cabalo rubio coas crinas trenzadas... (Descúlpenme a nostalxia)