O destino accidental

CRAIG PATTERSON

FERROL

CRÓNICAS INGLESAS | O |

07 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NA VIDA hai coincidencias curiosas que tentamos explicar pola intervención do destino. Confésolles que iso me pasaba a min verbo da miña relación con Galicia. Eu nacín nun val, ó pé dos outeiros das Cotswolds. Noutro val moi pretiño naceu o escritor Laurie Lee. No 34 marchou a España, onde seica namorou andaluzas e loitou na batalla de Teruel. Polo visto, entrou na Península Ibérica por Vigo. Un día de setembro pola mañá, hai anos, eu entrei no galeguismo, porque decidín facer unha tese sobre Otero Pedrayo (por certo, que Craig quere dicir 'otero pedrayo' na lingua de Irlanda, a terra de meu pai). Pola tarde coñecín unha moza viguesa, moi afeccionada ás obras de Lee, con quen acabei compartindo moitas horas ledas explorando o casco vello de Vigo. Se cadra por iso pensa un que está nas mans do destino, suprarrealidade que non se pode controlar: un día -mentres andaba perdido sen rumbo en Ferrol- batín cunha sala de xogos Patterson (a que fai esquina coa rúa Manuel de Cal). ¿Cantos Patterson haberá na Ferrolterra? A día de hoxe, anos despois, creo máis no dito de Vico ca no destino: fatum est verum, verum est fatum. O feito é verdade, a verdade é feita, «creada», polo home. Se hai un sentido místico que cinga estas conexións, imaxinámolo nós. Non hai destino, senón a casualidade. Casualidades das nosas vidas que se bifurcan sen fin. O destino accidental