«O Centro Torrente Ballester é un verdadeiro símbolo»

R. Loureiro FERROL

FERROL

Entrevista | Jorge Llorca Afirma ter o presentimento de que na súa pintura xa se está achegando o fin dunha etapa; e hoxe inaugura unha mostra no antigo Hospital de Caridade

19 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?rofesor na Escola de Artes da Coruña e creador de contrastado prestixio, Jorge Llorca (Ferrol, 1952) inaugura esta tarde, ás 20 horas, unha mostra da súa pintura no Centro Cultural Torrente Ballester. -¿Que é o se vai poder ver nesa exposición? -É unha retrospectiva, que abrangue o traballo feito dendo o ano 95 até o 2004. Hai óleo, pintura sobre táboa, técnicas mixtas, papel... Penso que é unha etapa na que a miña pintura xa foi camiñando cara ao fundamental, deixando atrás a figura humana para concentrarse máis no plano, pasando da narratividade á pureza. Teño a impresión de que na miña pintura se achega o fin dunha etapa. -¿En que direción camiñará agora a súa obra? -Teño a impresión de que se irá despoxando de todas as referencias formais. De que irá cada vez máis cara á abstracción. Pero tamén me interesa abrir outros vieiros. -Por exemplo... -Volver ao gravado. -Vostede é, por certo, xurado do Máximo Ramos. Un premio que axudou a crear. -Si, con xente coma Segura Torrella, Andrés Mosquera ou Eduardo Fra. -E hoxe xa é un premio internacional. -Un dos máis prestixiosos, segundo nos din. -Por certo: esta é a primeira exposición que vostede fai no Torrente. -Individual si, e expoñer alí impón un pouco. O Centro Torrente Ballester é un verdadeiro símbolo. -Como espazo físico, ¿que lle parece o centro? -Ten unha estrutura difícil, pero moi ben resolta. Hai alturas diferentes, unha rampa que conduce a un nivel superior... Como edificio tamén é moi interesante.