Feminino e singular | Elia Rico Naceu na parroquia de Seixosmil, no concello lugués de Meira, é mestra no colexio de Canido e está vencellada ao ensino dende hai case trinta anos
13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?aceu nunha das terras luguesas máis fermosas. En Meira, moi preto de onde os frades, que acabarían por marchar ao quedaren sen maneira de sustentar a abadía por culpa das desamortizacións, tiveron a que levaba sona de ser unha das mellores bibliotecas da Cristiandade. E para ser exactos, Elia -Elia Rico, claro- naceu non na mesma vila, senón na parroquia de Seixosmil, ao pé da serra. alí medrou vendo cómo cambian as cores do ceo, pero tamén namorada das letras. Quedou enfeitizada polos libros moito antes de aprender a ler. -Calquera o diría: xa case son trinta anos como mestra de escola... -Si. -E nestes anos, ¿cantas cousas cambiaron no ensino? Ou mellor, se me permite variar a pregunta, ¿como viu cambiar a sociedade a través dese espello que son os nenos? -Hai un cambio moi profundo, dende logo. Un cambio que ten moito que ver coa introducción das novas tecnoloxías da información, e que afecta ata ás maneiras de pensar. Os nenos de hoxe teñen unha relación moi próxima con todos os soportes informáticos. Instalas un ordenador no colexio, e eles xa saben máis sobre cómo funciona que canto lles poidas dicir ti. A informática forma parte das súas vidas. Pero ao mesmo tempo tamén hai nenos aos que lles tes que explicar que os bistecs non saen dos supermercados, ou que o leite non nace nos tetrabrik . -¿Vostede recorda os seus primeiros metres? -Si, claro. Todos nos lembramos dos que nos ensinaron a estimar o coñecemento á vez que apreciaban os nosos propios valores. Os que non inculcaron o afán de avanzar. -¿E medrar nun mundo tan marcadamente rural como era o seu, que lle aportou? -Ese mundo ensinoume tamén moitas cousas. Dende nena. Cousas que cando cheguei á escola xa coñecía... -¿Por exemplo? -Pois o qué é o o PH dun terreo, ou de qué maneira se fragmentan as serras... ¡Ou cómo cambia os climas a presencia das montañas! -¿E como se lles explica iso a nenos dun entorno exclusivamente urbano? -¡Pois apelando á imaxinación dos mestres...! -E iso, ¿en que se traduce? -En utilizar vídeos, láminas... Pero non é igual. Por suposto que non é igual. -Ou sexa, que o «contacto co medio», como lle chaman vostedes, os mestres, resulta fundamental para a formación dos nenos. -Fundamental, si. Xa che digo: na aprendizaxe en espacios pechados hai un exceso de artificialidade. E o neno, sobre todo cando é pequeno, aprende moito cos sentidos. Tocar a terra, a herba e a auga é outra maneira de desenvolver o entendemento. A lectura é outro xeito de coñecer o mundo, pero non o único. E iso non o deberíamos esquecer cando os nenos son cada vez máis de cidade, porque as aldeas se están quedando baleiras, e incluso os pequenos das áreas rurales van a colexios que xa non son aquelas escolas de antes. -¿Que valoración profesional faría vostede da cualificación do profesorado de Infantil e Primaria de Ferrolterra? -Son, en xeral, xente moi entregada. Mestres que investigan, que queren formarse continuamente. No noso ensino público, o nível, en xeral, é alto. A verdade é esa. E é moi importante que sexa así, porque a escola ten a obriga de despertar nos nenos o desexo de aprender.