«Non descarto peonalizar parte do Ensanche»

La Voz

FERROL

¿Que solución propón para o barrio de Recimil? Xa un alcalde socialista reurbanizou todo o barrio, e mantemos a nosa posición de pór en marcha unha Área de Rehabilitación Integrada, dun xeito similar ó da Magdalena, para unha posterior venda ós inquilinos, en condicións moi favorables, quen así o quixera. ¿Onde habilitaría novo solo industrial, como e canto? Defendemos un mínimo de tres millóns de metros cadrados, en grandes polígonos e microparques industriais especializados. Evidentemente, a súa ubicación ten que conectar co porto exterior, coa autoestrada, coas principais vías de comunicación e co resto do solo industrial da comarca. ¿Que rúas peonalizaría e en que momento aproximado? En principio, e de xeito progresivo, pero dende o primeiro momento: A Magdalena e rúas de Ferrol Vello. Non descartamos outras rúas e prazas dou-tras zonas, como Canido, o Ensanche, Ultramar ou ata Caranza. Sempre se respectará, se fora necesario, o acceso de residentes, de personas con discapacidade, ou a carga e descarga. ¿Onde construiría máis párkings, cando e con que capacidade? Principalmente, na periferia das futuras zonas peonís, como na praza frente ó Teatro Jofre, ou na praza de Ultramar. Propoñemos, incluso, aparcamentos soterrados nas pistas dalgúns colexios, a cambio de polideportivos en superficie. En catro anos, precisariamos, cando menos, unhas 1.500 prazas máis.