O agro galego ante as novas eleccións europeas

J. Manuel Andrade DIRECTOR DA FUNDACIÓN JUANA DE VEGA

ESPAÑA

El campo gallego tiene aún la hierba verde y fresca, lo que permite alimentarse a las vacas, en la foto, una finca de Lugo.
El campo gallego tiene aún la hierba verde y fresca, lo que permite alimentarse a las vacas, en la foto, una finca de Lugo. ALBERTO LÓPEZ< / span>

03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As eleccións europeas teñen unha importancia capital para o rural galego, pois as decisións que se tomen en Europa no próximo mandato incidirán no futuro do sector agrario, das comunidades rurais e de Galicia. Unha das preocupacións dos agricultores e gandeiros é a redución dos fondos da PAC. O novo Parlamento será o responsable de facer seguimento da actual política agraria, de definir a PAC post 2027 e determinar se se manterá o nivel de financiamento. Ademais, en Galicia é esencial garantir unha distribución máis equitativa das axudas que beneficie ás pequenas explotacións familiares. As novas políticas deben asegurar que teñan acceso aos recursos necesarios para a súa viabilidade e competitividade.

Apostar pola innovación e a modernización das explotacións é tamén imprescindible para a competitividade do sector. As políticas europeas deben apoiar a adopción das novas tecnoloxías, a dixitalización e facilitar o acceso a fondos para I+D+i. Nesta liña, os programas de asesoramento e capacitación son esenciais para adaptarse ás novas técnicas e prácticas de xestión.

Outras cuestións relevantes son a sostibilidade, o medio ambiente e o cambio climático. As políticas que promovan prácticas sostibles poden beneficiar moito a Galicia, unha rexión con gandaría extensiva, cun sector forestal forte e rica en biodiversidade e espazos naturais. No eido do cambio climático influirán nas medidas de adaptación que se poidan implementar, afectando á resiliencia e sostibilidade futura do sector.

As políticas comerciais establecerán as relacións con terceiros países, o grado de protección dos produtos locais, cales son obxecto de promoción ou a intensidade das axudas para acceso a mercados internacionais. Isto pode afectar á competitividade do sector agroindustrial e, especialmente, ao vitivinícola.

No eido do desenvolvemento rural en xeral, é imprescindible seguir impulsando investimentos en infraestruturas, conectividade dixital, enerxías verdes e garantir o financiamento para mellorar os servizos educativos, sanitarios e sociais para combater o despoboamento e mellorar a calidade de vida.

En definitiva, nas eleccións europeas, o agro galego xógase moito en termos de financiamento, políticas de desenvolvemento rural, sustentabilidade, innovación e resposta ao cambio climático. A representación e defensa efectiva dos intereses galegos no Parlamento Europeo serán decisivos para garantir un futuro próspero e sostible para o sector agrario e os espazos rurais de Galicia.