Para facilitarvos as cousas aos profesores, cambiamos o envío da memoria de fin de curso, obrigatoria para seguir en Prensa-Escuela, por un test moito máis rápido
17 jun 2026 . Actualizado a las 11:50 h.BELÉN ARAÚJO
Co obxectivo de adaptarnos sempre ás necesidades de docentes e alumnos, o Programa Prensa-Escuela —do cal este suplemento é o piar fundamental— da un paso máis para facilitarvos os trámites. Para seguir formando parte do programa o vindeiro ano, imos substituír a clásica memoria de fin de curso por un sinxelo formulario na rede.
Levamos anos escoitando o que tendes que dicir, analizando como usades o xornal e o suplemento de La Voz de la Escuela (LVE) e as vosas opinións sempre nos importan moito. Temos cambiado cousas e non é a primeira vez que evolucionamos a partir das vosas suxestións: hoxe en día o suplemento conta cun espazo fixo de pasatempos infantís e xuvenís (de moitísimo éxito) porque foi o que queriades; o uso do galego medrou nos últimos anos e incluímos textos de lectura fácil en O día de.. cando o espazo nolo permite. O noso fin segue a ser descubrir que vos resulta máis útil para seguir mellorando.
Ese é o obxectivo destas memorias, que hoxe se transforman nun formulario. Tomade nota do que vos ides atopar. E lembrade: a data límite de envío é o 30 de xuño.
Que ides avaliar exactamente? Os contidos que vedes semana tras semana en La Voz de la Escuela e tamén actividades adicionais, como as charlas anuais e os nosos concursos (tanto os anuais como os de primavera e os certames mensuais de ESO).
Como funciona o formulario? O proceso non pode ser máis sinxelo, aínda que vos recomendamos facelo desde un ordenador para visualizar comodamente todas as seccións. Xa veredes que é moi rápido, e divídese en varios apartados:
? Datos identificativos. Información básica do docente e do centro. Se hoxe non atopades o voso centro, por favor mandade un correo ao programa (prensa-escuela@lavoz.es) e solucionámolo enseguida. Na vindeira edición esta parte será máis corta e sinxela, pero desta vez temos que asegurarnos dunha correcta identificación.
? Valoración das seccións de LVE. Aquí vos presentamos as diferentes seccións do suplemento semanal, desde o tema de arranque do suplemento (En portada) aos diferentes Aprende, seccións como as dobres páxinas de FP (houbo cinco este curso) ou espazos como artigos de opinión, prácticas de éxito ou os artigos sobre as emocións. Poderedes puntuar do 1 ao 5 (sendo 1 a nota máis baixa e 5 a máis alta). Se non vos soa algún contido, tedes a opción de marcar a caixa «non a coñezo».
? Valoración global. Queremos que lle poñades nota ao conxunto do programa (o suplemento, os concursos, a nova web ou a propia distribución dos xornais).
? Seccións de La Voz de Galicia. Só contamos con aquelas que máis utilizades, segundo as vosas memorias anteriores (Opinión, Pasatempos, Local, Deportes, Economía...).
? Espazo libre. Ao final, disporedes dun espazo no que podedes escribir un texto sen límite de caracteres para compartir suxestións, propostas de cambio ou calquera comentario coas vosas propias palabras.