O deporte, espectáculo ou saúde?

Colegio Esclavas del Sagrado Corazón de Jesús de A Coruña

ESCUELA

Unha carreira popular na que participan varios mozos.
Unha carreira popular na que participan varios mozos. Colegio Esclavas del Sagrado Corazón de Jesús de A Coruña

O futuro do deporte e os límites do corpo humano vense ameazados por novas propostas deportivas que priorizan o «entretemento» por riba da saúde física e mental dos deportistas

26 may 2026 . Actualizado a las 13:31 h.

Os Enhanced Games son un evento deportivo sen precedentes que impulsan todo tipo de innovacións técnicas co pretexto de que «se todo o mundo pode doparse, xa non é facer trampas». Xa son moitos os deportistas que, co obxectivo de bater récords e superar os límites coñecidos do corpo humano, se sumaron a este novo evento financiado por empresas tales como 1789 Capital, dirixida polo fillo do presidente Donald Trump. Non obstante, non todos contemplan os Enhanced Games como unha nova oportunidade para mellorar o rendemento deportivo. Tamén son moitas as voces que alertan da gran ameaza que estas novas tendencias representan para o deporte tradicional e os seus valores. 

Estas competicións, nas que as metas son o espectáculo e os titulares cuestionan os principios éticos do deporte, preocupan a moitos expertos. «O deporte busca máis a espectacularidade e o impacto», comenta o xornalista deportivo Abraham Martínez. «Os Enhanced Games van en contra de todo o que é o espírito deportivo, non se pode considerar deporte, é un show, un show perigoso», indica. Estas iniciativas anuncian un futuro distópico para o deporte, lembrando a situacións extremas como a reflectida na novela Os Xogos da Fame. Ficción na que o show, a espectacularidade e o desfrute das masas priorízanse por riba da saúde e incluso da vida das persoas. Este novo formato de competición ameaza ao deporte tradicional ao marcar unha significativa diferenciación entre os deportistas naturais e os deportistas mellorados: «Os mellores resultados van obtelos aqueles que teñan mellores formas de doparse», sinala o xornalista, «polo que o deporte xa non é unha cuestión de talento e esforzo». Nas súas palabras: «A dopaxe preséntase como algo banal. Envían unha mensaxe perigosa de que todo vale, cando o espírito olímpico é todo o contrario». 

Alén do debate ético e deportivo, o uso destas substancias tamén implica importantes consecuencias para a saúde. Pois como explica Elena González Iglesias, membro do persoal sanitario do Hospital Teresa Herrera da Coruña, a exposición constante a substancias dopantes é «bastante importante», podendo causar grandes danos no individuo que as consome. A enfermeira sinala que pode causar problemas de carácter vascular, renal e hepático. Tamén indica que poden ser causantes de desaxustes no sistema hormonal, que afectan no crecemento e na fertilidade. Do mesmo xeito destaca o risco da dependencia psicolóxica destas substancias, provocando o padecemento de enfermidades mentais coma a adición.

Por outro lado, a opinión de Francisco Martínez González, médico vencellado ao ciclismo, sobre os Enhanced Games, céntrase no uso das substancias para aumentar o rendemento. «As listaxes de substancias dopantes son elaboradas por consensos internacionais nos que participan moitos expertos, polo que os produtos non adquiren esta etiqueta de maneira arbitraria», esgrime o doutor. Martínez González remarca que para considerar unha substancia como dopante téñense en conta os efectos sobre a saúde dos deportistas e a violación do coñecido como «xogo limpo». «Non é un tema novo», insiste, «ao longo da historia existen exemplos con fatais consecuencias vencellados ao consumo destas substancias». O médico recordou que o uso de estimulantes foi causante dos falecementos de atletas nos anos 1950 e 1960, así como a relación do falecemento de deportistas de fondo co consumo da EPO nas décadas dos 80 e 90. «Resulta obvio que é necesaria unha regulación que protexa aos deportistas destas consecuencias», resaltou o doutor. Do mesmo xeito, outros expertos sinalan que, ademais de afectar á saúde dos deportistas de alto nivel, estas actitudes e o uso dos deportistas profesionais como «ratas de laboratorio» poden influenciar a deportistas máis novos que seguen a estela dos seus ídolos.

Como indica Miguel Pedrouzo, adestrador do Club Natación Coruña e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, «os Enhanced Games propoñen unha mensaxe nefasta para a xuventude, xa que ao ver que estas substancias son eficaces, os atletas novos quererán consumilas sen ser conscientes dos riscos que corren». Nunha recente enquisa realizada entre os deportistas máis novos, podemos ver que a máis do 72 % gustaríalle participar nun evento deportivo de gran escala coma as Olimpíadas e, sabendo o que deberían sacrificar para chegar a ese nivel, arredor dun 30 % dos deportistas enquisados menores de 18 anos admiten que consumen substancias para mellorar o seu rendemento David Castro Iglesias, exdeportista olímpico e agora adestrador do Club Hércules Termaria, alarma da temperá profesionalización do deporte nos últimos anos. «A profesionalización deportiva ten que manter unhas idades de madurez e de control deportivo, sobre todo nos aspectos psicolóxicos». Por outra banda, Castro achega outra reflexión sobre os Enhanced Games, mencionando a inxustiza que viviu ao competir sen saber se os seus rivais consumían substancias ou non, pero nesta modalidade de competicións non atoparía este problema. «A nivel psicolóxico é unha guerra», declara, pero o triatleta segue sendo partidario de que o esforzo e o adestramento son a base do rendemento deportivo.

O que máis lle chama a atención a Francisco Javier Rodríguez Conde, exatleta e propietario da tenda Marathon Running Shop na Coruña, é ver o cambio do deporte amateur nos últimos anos. O exdeportista menciona que antes o deporte era só para divertirse, pero que agora é unha parte clave na vida social de moitos. Isto fixo que sexa tomado máis en serio. Francisco Javier observa como a xente xa non só quere practicalo por saúde ou por «pasar o rato», senón que «as persoas queren bater récords e ser mellores nesta dinámica. Queren zapatillas especiais, roupa técnica e ata suplementos, o que mostra que lles importa render ao máximo». Tamén puntualiza que as redes sociais inflúen moito neste tema. Para os amateurs, o feito de ver resultados, retos e consellos de persoas especializadas neste tema, crea unha presión maior. Moitos compáranse constantemente, e iso pode provocar que o deporte pase a converterse nunha obriga en vez de algo bo. Por iso, el teno claro: «O deporte debe ser algo que che guste, non un deber». 

O debate está aberto: espectáculo ou saúde? Os Enhanced Games son unha nova maneira de entender o deporte baseada no espectáculo na que as axudas artificiais son determinantes para o rendemento. Porén, hai expertos que sinalan que o prezo a pagar é demasiado alto. Non só pola ameaza que supón para a saúde dos deportistas, senón tamén pola mensaxe que transmite ás novas xeracións, xa que pode distorsionar a realidade do que realmente é o deporte. Este, historicamente, construíuse sobre o esforzo, o respecto e o xogo limpo. Converter a mellora artificial nunha norma podería transformar a competición nunha loita tecnolóxica e farmacolóxica, afastada do talento e do traballo persoal. Quizais o futuro do deporte non dependa de bater marcas imposibles, senón de manter intactos os valores que lle dan sentido: saúde, superación persoal e xustiza.

Autores: Irene Bandín, Paula Carreira, Jacobo García, Inés González, Iría Martínez e Martín Pardo.

Coordinadora: Mercedes Comba