O tabaquismo constitúe actualmente a principal causa de mortalidade e morbilidade (proporción de persoas que enferman nun lugar e tempo determinados) evitables en Espan?a e no resto dos países desenvolvidos. Estímase que a media é de 51.870 mortes ao ano en España, con tendencia á diminución nos homes e ao aumento nas mulleres, nas que as mortes por cancro de pulmón duplicáronse nos últimos 20 anos. Tanto o consumo de tabaco como a exposición ao fume ambiental son factores de risco de numerosas patoloxías. Recollemos estes datos oficiais da «Revista Española de Salud Pública» (https://bit.ly/2JA0Q5S) e propomos algunhas noticias do xornal para debater en clase a situación actual e formas de evitar os riscos.
29 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.1. Tabaquismo e idades
O tabaquismo en España é aínda elevado, cun 24,4 % de fumadores diarios e ocasionais de máis de 15 anos. Existen diferenzas por sexo: o consumo é maior entre homes que entre mulleres (28,2 fronte a 20,8 %). Tamén hai diferenzas por grupos de idade. O 34, 7% dos estudantes de 14 a 18 anos fumaron tabaco algunha vez no último ano. As diferenzas por sexo estanse acurtando polo cambio de modelo de consumo, ata o punto de inverterse nos estudantes, entre os que hai máis mulleres fumadoras (36,9 %) que homes (32,6 %).
O tabaco presenta unha estreita relación coa situación socioeconómica desfavorecida e co consumo doutras substancias como o alcol ou o cánnabis, especialmente entre os mozos.
2. Novas pautas de consumo: electrónico, sen combustión
É necesario destacar o papel de produtos como os cigarros electrónicos, as pipas de auga ou o tabaco quentado na iniciación, mantemento e normalización do consumo de tabaco. Segundo a enquisa estatal sobre uso de drogas en ensinos secundarios (Etudes), o 20,1 % do alumnado utilizou algunha vez cigarros electrónicos.
Doutra banda, os primeiros datos en España sobre o tabaco sen combustión (tabaco quentado) facilitados polo Comisionado do Mercado de Tabacos mostran un vertixinoso ascenso nas vendas destes produtos, que se multiplicaron por nove entre xaneiro do 2017 e xullo do 2018, pasando de 419.942 a 4.189.859 euros mensuais.
A exposición ao fume ambiental de tabaco segue asociada a unha morbilidade e unha mortalidade altas, e son o dos nenos e o das embarazadas os grupos de especial risco. Estímase que o número de mortes causadas por este tóxico ambiental en España foi de 1.028 no 2011. Amais, o consumo diario de tabaco en estudantes é maior entre os que conviven con algún familiar fumador.
3. Os dez datos sobre o tabaquismo pasivo
3.1. O fume ambiental é o fume que enche restaurantes, oficinas ou outros espazos pechados cando se queima tabaco en cigarros, beedis e narguilés (pipas de auga). Todos estamos expostos aos seus efectos nocivos.
3.2. Nas directrices para a aplicación do artigo 8 do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco afírmase que «non existe un nivel inocuo de exposición ao fume de tabaco». Crear ambientes totalmente libres de fume de tabaco é o único xeito de protexerse dos seus efectos nocivos.
3.3. O tabaquismo pasivo causa 600.000 mortes prematuras por ano. No fume de tabaco hai máis de 4.000 substancias químicas, das cales se sabe que polo menos 250 son nocivas e máis de 50 canceríxenas.
3.4. Nos adultos, o tabaquismo pasivo causa graves enfermidades cardiovasculares e respiratorias, por exemplo cardiopatía coronaria e cancro de pulmón. Nos lactantes provoca a morte súbita e nas mulleres embarazadas é causa de insuficiencia ponderal do recentemente nado.
3.5. As zonas de fumadores separadas ou ventiladas non protexen aos non fumadores da inhalación de fume alleo. O fume ambiental pode propagarse dunha zona de fumadores a unha de non fumadores, mesmo coas portas pechadas e con dispositivos de ventilación.
3.6. Preto do 40 % dos nenos están regularmente expostos ao fume alleo no fogar. O 31 % das mortes atribuíbles ao tabaquismo pasivo son de nenos.
3.7. Os mozos expostos ao fume alleo no fogar teñen entre unha e media e dúas veces máis probabilidades de comezar a fumar.
3.8. O 10 % dos custos económicos relacionados co consumo de tabaco atribúense ao tabaquismo pasivo. O tabaquismo supón para a sociedade custos económicos directos, como os asociados co tratamento das enfermidades que provoca, e indirectos, por exemplo, pola diminución da produtividade ou pola perda de salarios por causa de morte ou enfermidade.
3.9. Máis do 94 % das persoas non están protexidas polas leis sobre contornas sen tabaco. Agora ben, no 2008 o número de persoas protexidas contra o tabaquismo pasivo aumentou un 74 %, pasando de 208 millóns no 2007 a 362 millóns. Das cen cidades máis poboadas, 22 son contornas sen tabaco.
3.10. A través do paquete de medidas de loita contra o tabaquismo pasivo MPower, a OMS axuda aos países a aplicar as disposicións do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco a fin de protexer ás persoas.
NOTICIAS PARA ANALIZAR NA AULA
1. «Alcol e tabaco, detrás do dano cardiovascular precoz en millón e medio de adolescentes españois» (La Voz, 7/2/2019)
- https://bit.ly/2EpmmG3
2. «Todos os especialistas da área sanitaria combaterán o tabaquismo» (La Voz, 14/12/2018)
- https://bit.ly/2W254tJ
3. «Obxectivo, deixar de fumar antes dos 40» (La Voz, 10/5/2018)
- https://bit.ly/2JD4o7s