Raíces químicas da identidade

Moncho Núñez Centella

ESCUELA

Relicario con fragmentos do cranio de Alberto Magno na igrexa parroquial de San Martín de Lauingen, cidade de Baviera onde probablemente naceu. Outros restos venéranse na cripta do convento dominico de San Andrés, en Colonia
Relicario con fragmentos do cranio de Alberto Magno na igrexa parroquial de San Martín de Lauingen, cidade de Baviera onde probablemente naceu. Outros restos venéranse na cripta do convento dominico de San Andrés, en Colonia Internet

O ADN fainos distintos, pero a incineración vólvenos iguais

16 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Semana da Ciencia sitúase arredor da celebración do dominico Alberto Magno, un filósofo, teólogo e erudito da ciencia medieval que se preocupou por estudar e difundir as ideas de Aristóteles, ademais de tratar de delimitar os camiños da razón e da fe. Cualificado en vida como doctor universalis e doctor expertus, faleceu en Colonia o 15 de novembro de 1280, e foi declarado doutor pola Igrexa católica seis séculos e medio despois; desde entón é venerado como santo, o que lle permite ser o patrón dos estudantes de Química, de Ciencias Naturais e de Matemáticas. Na súa honra ha de dicirse que subliñou a importancia da experimentación para o saber científico; tamén se destaca a súa obra en relación coas ciencias naturais, e atribúenselle, con débil fundamento, moitos traballos en alquimia, como o illamento do arsénico en 1250.

O prestixio dese elemento químico culminou en 1944 coa comedia negra de Frank Capra Arsénico por compaixón, pero o pasado arsenical non era tan humorístico. De feito, foi o veleno máis usado da historia, pois non ten sabor, é relativamente fácil de conseguir e os primeiros síntomas da súa inxestión son similares aos de leves infeccións gastrointestinais. Trátase dun tóxico de prestixio, citado como o rei dos velenos e o veleno dos reis, o preferido dos Borgia e dos Médici, e agora ata sospeitoso da morte de Napoleón, tras a recente análise (2008) dunhas mostras de pelo do militar francés que deron un contido en arsénico cen veces superior ao normal. Tamén tiña arsénico en exceso o pelo de Ötzi, o home de xeo, personaxe que coñecemos grazas á análise química, sobre todo do seu ADN; por exemplo, sabemos que ese home que viviu hai uns 5.300 anos tiña os ollos marróns, era do grupo sanguíneo 0 positivo, padecía intolerancia á lactosa e tivo alto risco de arteriosclerose.

As análises químicas dan para moito. Sobre todo si hai ADN, sustancia que podemos considerar último representante da identidade dun individuo. O ácido desoxirribonucleico está constituído por moléculas enormes e complexas; os seus átomos están ordenados en grupos de modo que poden albergar información, do mesmo xeito que as letras deste texto, por estar ordenadas así, conteñen unha mensaxe. A semellanza entre porcións de moléculas de ADN de dúas persoas pode servir para saber que son parentes e a identidade entre dúas mostras de ADN é posible que sinale ao autor dun delito ou unha fazaña. A química aplicada á xenética proporciona claves para a identidade.

Pero hai que recordar que esa identidade xenética desaparece cunha incineración. As cinzas non teñen identidade. Cando os restos humanos pasan por un forno crematorio (a máis de 900 graos) deixa de existir o ADN e todo resto orgánico. Ao redor dun 96,5 % do peso do corpo convértese en gases e quedan en total uns dous quilos de cinzas. Estas están compostas sobre todo por fosfato de calcio e tamén algúns sales de sodio e potasio; ademais quedan restos de xofre e carbono, uns 4 gramos de ferro, e como dous de magnesio e zinc. Os elementos restantes están en cantidades menores, aínda que a súa presenza podería indicar, como no caso do arsénico, moitas cousas. Pero, deixando de lado eses pequenos detalles, as cinzas de todas as persoas son iguais. Se a este feito unimos que o 98 % deses átomos non estaban no corpo desa persoa un ano antes da súa morte, poremos en dúbida a conveniencia de vincular o culto aos defuntos co resultado da súa incineración. O recordo está unido á súa identidade e á súa vida, e as cinzas non conteñen nin a unha nin a outra. Aqueles átomos que se conservan, simplemente, pasaban por alí (polo corpo vivente) cando chegou para o finado o momento do último suspiro. O recordo dos defuntos, como o de Alberto Magno, baséase na súa obra e nas pegadas que teña deixado en quen o gozaron en vida.

Palabras con historia

Cada ano renóvase o 98 por cento dos átomos do teu corpo. Esa renovación química incesante, o metabolismo, é un sinal de vida

Lynn Margulis (1938-2011)

O amor é físico, o matrimonio é químico

Alexandre Dumas (1824-1895)

O home é unha breve aventura química sen sentido

Manuel Vicent (1936)

Toda filosofía é unha teoloxía de paisano. Debes crer na química e na lírica

Francisco Umbral (1932-2007)

O encontro de dúas persoas é como o contacto de dúas sustancias químicas: se hai interacción, ambas se transforman

Carl Gustav Jung (1875-1961)

A natureza é un enorme laboratorio químico onde teñen lugar todo tipo de reaccións

Antoine Lavoisier (1743-1794)

Actividades 

1. Os medicamentos identifícanse polo seu principio activo, é dicir, a sustancia química que causa os seus efectos principais. Os EFG (equivalentes farmacéuticos xenéricos) conteñen a mesma cantidade de principio activo que os de marca e mostran a mesma eficacia que estes. Fai unha lista dos principios activos dos medicamentos que toman os membros da túa familia.

2. Justus von Liebig (1803-1873) está considerado un dos fundadores da química orgánica, a relacionada cos seres vivos. Un dos seus inventos máis famosos foi o extracto de carne, co que pretendía ofrecer un substituto a quen non podían adquirila. A carne de vacún contén entre un 60 e un 80% de auga. Ordena os seguintes alimentos segundo a porcentaxe de auga que conteñan, de menor a maior: pan de molde, plátano, pescada, peituga de polo, aguacate, xamón de York, améndoas, iogur, ovos, fígado de tenreira, pataca.

3. Os extractos e esencias pretenden recoller as características máis desexables dun produto (as que lle darían identidade química) e son a base de numerosos produtos de alimentación, perfumería e outros. Ás veces, por motivos económicos, créanse extractos artificiais para dar sabor que resultan máis convincentes coa cor adecuada. Forma parellas entre os sabores e cores que darías a unha colección de caramelos:

  • Sabores: plátano, fresa, limón, laranxa, menta, moura
  • Cores: verde, amarelo, vermello, violeta, alaranxado, marrón

4. A análise química dinos a cantidade de sodio da auga, o que resulta de importancia para as persoas que teñen hipertensión arterial. Fai unha lista de augas minerais comercializadas, indicando o contido en sodio de cada unha.