O perigo da desinformación

> Ana T. Jack anatjack@edu.xunta.es

ESCUELA

Como desmitificar algunhas falsas crenzas sobre as drogas

19 nov 2014 . Actualizado a las 12:54 h.

A orientadora fai pasar ao seu despacho a Raúl, un estudante de 3.º de ESO ao que ultimamente dálle por vir fumado a clase. Sempre foi un bo alumno, algo inquedo talvez, pero sen ningún problema especial para alcanzar o aprobado. No que levamos de curso o seu rendemento baixou en picado, e a previsión é que as notas da primeira avaliación sexan un desastre. «Raúl, hai moitas queixas por parte dos profesores, que din que en clase estás como colocado, coa mirada perdida, os ollos superarroibados...». «Ah, ¿pero mo notan?», sorpréndese. «É verdade que me fumo un porrito antes de entrar en clase todos os días, porque me relaxa. Pero nunca fumo no insti, ¡tranquila!», dille. «Pero o problema non é que non consumas no instituto, o preocupante é que veñas colocado, sen capacidade para seguir as clases ao cento por cen», insiste ela. «Mira, profe, teño unha cousa moi clara. Para min, os porros son terapéuticos. ¿Non os utilizan para curar a persoas con cancro? Pois para min tamén é como un medicamento, porque me relaxan e séntome ben», argumenta. «Ademais, ¿a quen lle fago dano? A ninguén. Pois non me raiedes a cabeza...».

Hoxe en día son moitos os adolescentes que consideran os porros como unha droga pouco perigosa ou con escasos efectos sobre o organismo, pasando por alto as súas demostradas consecuencias negativas para a saúde. Ocorre o mesmo co tabaco e o alcol, que son as outras dúas sustancias nocivas máis consumidas polos adolescentes: manéxanse informacións falsas que lles axudan a normalizar o seu consumo e a converterse en adictos ao tabaco ou ao alcol con total naturalidade.

Por exemplo, estas son algunhas crenzas erróneas que, desde a familia, hai que axudar a desmontar:

Mito 1. «O tabaco só ten efectos prexudiciais cando es maior ou levas moitos anos fumando. Xa o deixarei cando sexa un pureta». Existen algúns efectos do tabaco que son case inmediatos: diminúe a capacidade física, estraga a pel, marelece dentes e dedos, provoca mal alento e problemas respiratorios (asma)... Calcúlase que, polo potencial aditivo da nicotina, un adolescente pode estar enganchado ao tabaco despois de tres ou catro meses de consumo.

Mito 2. O alcol é legal, así que non pode ser tan malo. Precisamente o problema do alcol é o aceptado que está na sociedade. Pero o seu consumo en menores considérase unha conduta de risco. A exposición do cerebro ao alcol de forma temperá pode afectar ao seu desenvolvemento. O maior número de urxencias hospitalarias en mozas prodúcense por mor de intoxicacións etílicas. E os accidentes de tráfico, en gran porcentaxe provocados polo alcol, son a primeira causa de morte entre os mozos.

Mito 3. Os porros son terapéuticos, serven para tratar enfermidades. O cannabis (e non os porros) serve, por exemplo, para combater as molestas náuseas que sofren as persoas a tratamento con quimioterapia. E en todo caso a súa administración e control corresponde a servizos médicos. Pero de aí a dicir que os porros son terapéuticos... É unha falacia.

Mito 4: «Eu controlo os porros, déixoo cando queira. Non son drogodependente». O «eu controlo» é a clásica frase do adicto que non quere aceptar a realidade. O consumo de cannabis crea adicción a medio prazo. Pode levar a un consumo compulsivo e obsesivo que interfire especialmente no rendemento escolar (desmotivación, perda de memoria e capacidade de concentración...). En ocasións o seu consumo produce a exacerbación de problemas psicolóxicos previos (ansiedade, crises de pánico, episodios de axitación...). En España, 4.000 persoas ao ano inician tratamento por abuso ou dependencia de cannabis.

NOMES ALTERNATIVOS

PRESENTACIÓN

ESTATUS LEGAL

VÍA DE ADMINISTRACIÓN

EFECTOS

CONSECUENCIAS

NEGATIVAS

TABACO

Cigarro, cigarrillo, pito, pitillo

Cigarros, puros, tabaco de lear

Prohibida a súa venda a menores de 18 anos

Fumado ou inhalado, en caso dos fumadores pasivos

Estimulante. Ao contrario do que se cre, non ten efectos relaxantes

Adicción. Cancro, enfermidades broncopulmonares e cardiovasculares

ALCOL

Priva, litrona, botellón

Líquido

Prohibida a súa venda a menores de 18 anos

Oral

Depresor. Adormenta o sistema nervioso central. Desinhibe a conduta. Falsa sensación de seguridade nun mesmo

Adicción. Danos orgánicos múltiples. Risco de accidentes. Conduta agresiva e violenta

CANNABIS

Herba, maría, chocolate, porro, canudo, costo

Haxix: pasta marrón. Marihuana: follas trituradas. Aceite de haxix: líquido oleoso

É unha sustancia ilegal. É delito producilo ou traficar con el. E é infracción consumilo en espazos públicos ou a tenencia para o autoconsumo

Fumada, inhalada ou oral

Psicodisléptico. Produce relaxación, riso frouxo, locuacidade, desorientación e conxuntivas arroibadas

Adicción. Alteracións da memoria e da aprendizaxe. Desmotivación. Posibles alteracións psiquiátricas