Escolas do mundo

Jesús Garrido

ESCUELA

XOAN A SOLER

Seguindo os mapas de primeira páxina, achegámonos a cinco escolas do mundo, coa esperanza de conectar algún día non só a través do papel, senón facendo do «on line» o noso mellor contacto sen fronteiras.

1. TORONTO, CANADÁ

¿Esquecemos a escritura a man?

Chéganos unha noticia asinada polo grupo Escolas Católicas de Toronto, Canadá, de que pretenden dedicarlle algún tempo a pór en práctica a escritura a man, xa moi esquecida pola maioría dos alumnos. Conta, por exemplo, a sorpresa dun pai que levaba ao seu fillo de 14 anos a recoller o pasaporte e non sabía como asinalo. Comentan tamén o emocionante que é ver aos alumnos de 17 anos como se adestran para estampar as súas firmas manuais e o comprobar que moitos alumnos non son capaces de ler o que o profesor escribe no rotafolios ou nas lousas e de tomar notas a man recollendo as súas explicacións. E xa non lles piden aos alumnos que os seus escritos a man sexan bonitos, senón que abonda con que sexan lexibles. Finalmente, moitos cren aínda en destacar o ton humano que leva consigo a escritura manual.

- ACTIVIDADES. ¿Facemos a proba en clase: ¿que escritura preferimos?

- (http://on.thestar.com/1pzH9ps)

2. DUBAI, EMIRATOS ÁRABES

Novo impulso na educación das nenas

Segundo informou Irina Bokova, directora da Unesco, nunha conferencia que impartiu en Dubai, un dos sete emiratos que conforman os Emiratos Árabes Unidos (EAU), é necesario contar coa opinión dos líderes tradicionais relixiosos para que recorden a todos que no conxunto tradicional das súas normas e crenzas non figura que as mulleres, e neste caso as nenas, non deban ser integradas no sistema educativo. A igualdade de xénero é un dos seis obxectivos da Unesco para o 2015. As mulleres representan os dous terzos dos 774 millóns de adultos analfabetos. Nos Estados Árabes, no 2011, había 92 mozas por cada 100 mozos na escola primaria, e 93 na secundaria. Hoxe en día hai 97 en primaria e 98 en secundaria por cada grupo de 100 mozos. O progreso de promover a igualdade de xénero é claro, pero ten que mellorar aínda moito.

- ACTIVIDADES. Abre Dubai en Internet. ¿Pódese dar alí ese problema?

- (http://bit.ly/1hdcWM9)

3. NOVA ZELANDIA

Os alumnos poden levar á escola os seus propios ordenadores

Segundo información de Stuff.co.nz, na súa sección de educación, desde os primeiros días deste ano moitas Nelson Schools for Girls animaron aos seus alumnos a levar a clase o seu propio equipo de computadores, iPads, tabletas e todo o que queiran, aínda que a escola dispón das súas propias instalacións e recursos dixitais. Todo iso lles serve como suplemento importante dos libros, xa que lles proporciona a posibilidade dun traballo máis interactivo con outros alumnos e fontes de documentación e unha maior apertura á investigación e desenvolvemento dos temas que están a estudar. En clase de Inglés e Matemáticas utilizan preferentemente os libros. A situación é parecida noutras escolas, pero xurdiu entre todos a idea de que o importante non é deixarse levar pola novidade de estar ao día, senón medir as vantaxes e riscos que teñen para a aprendizaxe.

- ACTIVIDADES: Se iso é tan claro, ¿por que non se fai? ¿Que opinas?

- (http://bit.ly/1g3qVPV)

4. PROFESORES CHINESES EN INGLATERRA

Unha axuda para mellorar os resultados en matemáticas

O xornal inglés The Telegraph recolle a noticia de que 60 profesores chineses chegan ás escolas inglesas co fin de mellorar os seus estándares educativos. Con esta asistencia intentan mellorar o nivel de matemáticas dos alumnos, facendo desaparecer con esta experiencia a diferenza que existe entre as escolas dos países pertencentes ao Far East e os resultados que os alumnos obteñen en Inglaterra, cuxos alumnos de 15 anos, segundo os datos das últimas probas internacionais, van de un a dous anos detrás dos alumnos de Xangai, Singapur, Hong Kong e Xapón. A mellora en matemáticas é imprescindible, terá unha gran influencia no progreso económico de país.

- ACTIVIDADES: Na aprendizaxe cooperativa en clase, os alumnos máis listos ensinan aos que teñen dificultades. ¿Facémolo aquí ou hai que ir a China ?

- (http://bit.ly/1dxsYS9)

5. COREA DO SUR

Os alumnos maiores dormen menos de 6 horas

O periódico The Korea Times informa de que, segundo unha enquisa do National Youth Policy, os alumnos de high school dormen cada noite, como media, unhas 6 horas e 27 minutos. Os de ensino medio, 7 horas e 12 minutos. En cambio, os alumnos de primaria dormen unhas 8 horas e 19 minutos.

Un 70 % dos alumnos de high school din que non é suficiente o tempo para durmir, aínda que un 50 % dos mesmos alumnos atribúen tamén o cansazo ás clases que teñen despois da escola e, como non, á televisión vendo películas e teleseries. Finalmente, un 80 % dos alumnos maiores din que só teñen de tempo libre ao día menos de dúas horas, e o que pode ser máis rechamante: un 37 % pensaron sobre a idea de suicidio e un 27,6 % citaron tamén algún conflito entre os membros da familia.

- ACTIVIDADES: ¿Facemos unha enquisa aquí a maiores e pequenos?

- http://bit.ly/1o3ARmu