Pedras que arden

Fran Armesto franarmesto@gmail.com

ESCUELA

XOAN CARLOS GIL

O dióxido de carbono aumenta na atmosfera a causa da queima de combustibles fósiles como o carbón

11 dic 2013 . Actualizado a las 12:27 h.

O coñecemento de que o carbón podía arder é moi antigo e xa o consumían gregos e romanos cando non tiñan leña; aínda así, Marco Polo asombraba aos seus contemporáneos con exóticas historias sobre as «pedras para quentarse» que empregaban os chineses. Tamén existen documentos que demostran que a extracción de carbón xa se practicaba no século XII nalgúns lugares da Europa medieval. O uso, con todo, era limitado e gozaba de pouco aprecio, pois se lle supuña certa relación satánica. Sabíase que viciaba o aire, provocaba enfermidades do peito, engurraba a cute e amarelaba a roupa; por iso no Londres do século XIV estaba prohibido o uso.

A situación comezou a cambiar durante o século XVIII, e no XIX converteuse na primeira gran fonte de enerxía para a nosa civilización, desprazando á madeira. Por exemplo, mentres que en 1870 o 68 % de toda a enerxía consumida no mundo procedía da madeira e o 32 % do carbón, en 1910 o carbón xa fornecía o 91 % do total. O desenvolvemento tecnolóxico que caracterizou a Revolución Industrial, sobre todo debido á demanda dos altos fornos para obter ferro e ás máquinas de vapor que se aplicaron a todos os sectores (navegación, ferrocarrís, industria, etcétera) foi o motivo deste desmesurado incremento no consumo de carbón e da enerxía que este fornecía. A versatilidade e utilidade do carbón era tan afamada naqueles anos que Melchor de Palau (1842-1910), un enxeñeiro español, talvez o que máis cultivou a poesía, dedicoulle unha oda na que escribía estes versos: «Este, que veis, carbón endurecido, / yacer a mantos en terrestre fosa, / rayos de claro sol un tiempo ha sido. / A la voz de la Industria poderosa, / abandona, cual Lázaro, su tumba, / y a más vida resurge esplendorosa».

CARA E CRUZ

Actualmente considérase que a industria do carbón é unha das que máis prexudican o medio ambiente.Con 357 metros de altura, uns poucos máis que a famosa torre Eiffel, a cheminea da central térmica das Pontes é a construción máis alta do noso país. Construíuse nun pobo do norte da provincia coruñesa para explotar o xacemento de carbón que durante anos representou o campo mineiro ao descuberto máis grande de España. O enorme buraco deixado por esta explotación que terminou no 2007 encheuse de auga para crear un lago que ten 5 quilómetros de longo e 206 metros de profundidade. Aínda que é un exemplo de como recuperar a paisaxe, así son as cicatrices que deixa a explotación do carbón. Ademais de modificar a paisaxe, os subprodutos da súa explotación (compostos de xofre, metais pesados) contaminaron ríos e augas freáticas. E en canto á combustión do carbón, as centrais térmicas onde se queima para producir enerxía liberan gases como o dióxido de carbono (participa na creación do efecto invernadoiro) ou o dióxido de xofre (que á súa vez xeran as choivas acedas).

A pesar destes inconvenientes, o carbón segue empregándose e pénsase que o seu consumo aumentará no futuro. Unha das vantaxes de utilizar o carbón como fonte de enerxía é que os xacementos están moi repartidos por todo o planeta; extráese, por exemplo en máis de 100 países. As maiores reservas atópanse en Estados Unidos, Rusia e China, nesta orde. Pero as de EE.UU. case duplican as de Rusia. Ao ritmo de consumo actual, as reservas mundiais darían para máis de150 anos. Pero o maior produtor actual de carbón é China, onde fai uns poucos anos estaban a construírse centrais térmicas ao ritmo de unha por semana. Por este motivo, o carbón aínda proporciona unha cuarta parte da enerxía que se consome no mundo.

Carbonífero vén de carbón

O período da historia terrestre comprendido entre hai uns 360 e 300 millóns de anos (antes de que aparecesen os dinosauros) recibe o nome de Carbonífero. Non parece difícil asociar este nome coa sustancia da que o toma, e é que a maior parte de todo o carbón terrestre procede desa época. Ao principio do Carbonífero, o noso planeta gozaba dunha humidade e dunha temperatura media máis elevada que a actual, e a superficie continental estaba cuberta de inmensas formacións vexetais (lamazais, selvas, bosques) nas que abundaban fieitos (algúns de ata 15 metros de altura) e nas que xa había árbores de ata 40 metros de altura. Tal era a súa abundancia que a cantidade de osíxeno atmosférico era maior que a actual, chegando a alcanzar o 35 % do aire (a actual é do 21 %). A acumulación durante centos de anos dos restos mortos de tanta vexetación, que quedaron protexidos da putrefacción por estar en zonas pantanosas ou mergulladas, e tras un proceso de sedimentación mediante o que quedaron sepultados baixo capas de area e rocas, é a orixe do carbón. Por iso non é estraño que nalgunhas explotacións de carbón se atopen restos fósiles de flora e fauna daquela época; e, tamén por iso, dise que o carbón é un combustible fósil, pois procede dos seres vivos de hai millóns de anos.

ACTIVIDADES

Coñecer o funcionamento de calquera central de produción de enerxía (térmica, solar, eólica) pode ser moi interesante.

Identifica

Os diferentes tipos de carbón (turba, lignito, hulla e antracita) orixínanse segundo as condicións de transformación dos restos vexetais dos que proceden. A turba e o lignito son carbóns pouco maduros e pobres en carbono; séguelles a hulla e logo a antracita, que é o carbón de maior pureza e, xa que logo, de maior poder calorífico.

Le, pensa e valora

Gas Natural Fenosa é unha das grandes empresas enerxéticas do noso país, e na súa web presenta os seus compromisos ambientais. Pódelos coñecer nesta dirección abreviada: http://bit.ly/zTklwp

E lembra...

Para saber máis sobre enerxía ten a man a ligazón a esta web de Gas Natural Fenosa (http://www.aluladeenergia.com). Gárdaa nos teus favoritos para acceder a ela rapidamente. Axudarache a coñecer a fondo distintas formas de enerxía e aprenderás moitas cousas sobre o consumo e o aforro enerxético.