A variedade fuji é menos crocante que hai 40 anos debido aos efectos do quecemento global
09 oct 2013 . Actualizado a las 12:08 h.Moitas rexións do planeta están experimentando as repercusións do cambio climático en forma de choivas irregulares, secas prolongadas e outros factores que alteran as condicións do medio. As terras de cultivo, que ocupan ao redor dun 60 por cento da superficie da Terra, vense expostas a estas variacións, que afectan á calidade das colleitas en diferentes aspectos.
A mazá é unha das froitas máis populares, cunha produción anual duns 60 millóns de toneladas, o que a sitúa nos primeiros postos da produción mundial de froita. Na procura dun maior coñecemento sobre os impactos do cambio climático sobre estes cultivos, científicos da Organización Nacional para a Investigación Agroalimentaria de Tsukuba, Xapón, abordaron un estudo, cuxos resultados veñen de publicar, no que relacionan os efectos do aumento global de temperaturas coas modificacións no sabor e a textura das mazás.
Analizaron datos dos últimos 40 anos de cultivos de mazás de dúas rexións de Xapón centrándose en dúas variedades: a fuji, cuxa produción e consumo están moi estendidos polo mundo, e a tsugaru, a segunda máis coñecida neste país. A fuji foi desenvolvida en Xapón a finais dos anos 30 do século pasado a partir do cruzamento doutras dúas, a red delicious e a ralls genet, e caracterízase, sobre todo, por ser unha das máis crocantes.
Comprobaron que, ao longo destas catro décadas, produciuse nas zonas de estudo un lixeiro incremento da temperatura media anual e ao mesmo tempo rexistrouse unha diminución da acidez e firmeza da carne das mazás, así como un incremento do contido de azucre, entre outros aspectos. Deste xeito, aínda que o cambio climático estaría a producir mazás máis doces, estarían tamén perdendo a textura crocante pola que son apreciadas.
Estes resultados súmanse aos de traballos previos nos que se evidenciou que os cultivos de mazás e de diferentes froitos, como a uva de viño ou o pradairo azucreiro, a partir do que se elabora o xarope de arce, noutros países seguen o mesmo patrón.
FLORACIÓN MÁIS TEMPERÁ
Para os investigadores, os cambios observados nas calidades das mazás serían resultado dun adianto do momento da floración das árbores, así como da exposición a temperaturas máis elevadas durante o período de maduración.
O proceso de maduración implica unha serie de transformacións nos compoñentes das froitas que se acentúan a medida que pasan os días. O amidón que conteñen rompe converténdose en azucres máis simples, que incrementan a dozura; van desaparecendo os taninos, sustancias responsables do gusto astrinxente; e degrádanse os ácidos, diminuíndo a acidez. Ademais, a descomposición do amidón e das pectinas modifica a textura, de maneira que a froita se abranda.
CON ENERXÍA
A Terra recibe anualmente unha cantidade de enerxía procedente do sol duns 5,7 catrillóns de xullos, que por darnos unha idea é un valor moi superior á cantidade total xerada a partir os combustibles fósiles e o uranio radioactivo.
Case a metade desa enerxía reflíctese nas nubes e a atmosfera e só entre un 5 % e un 10 % da radiación incidente final é utilizada polos organismos fotosintéticos, o elo inicial do fluxo de enerxía a través dos ecosistemas.
Estímase que, a partir desa enerxía ingresada desde a fotosíntese, xéranse máis de mil trillóns de toneladas de materia orgánica ao ano, o que inclúe a parte correspondente aos vexetais e froitas que consumimos.
PARA SABER MÁIS SOBRE ENERXÍA, ten a man durante todo o curso a ligazón a esta web de Gas Natural Fenosa (http://www.auladeenergia.com/).
Gárdaa nos teus favoritos para acceder a ela rapidamente. Axudarache a coñecer a fondo distintas formas de enerxía e aprenderás moitas cousas sobre o consumo e o aforro enerxético.
ACTIVIDADES
A Madurar
Durante a maduración, as froitas producen un gas, o etileno, que acelera o proceso en froitos non maduros expostos a el. Na seguinte experiencia podes comprobar como as pezas maduras inducen a maduración doutras máis verdes.
1. Necesitarás 3 plátanos moi maduros, 3 plátanos verdes, 2 kiwis verdes e 3 bolsas de papel.
2. Deixa un plátano verde encima dunha mesa, mete outro igual nunha bolsa de papel e o terceiro plátano verde xunto a outro moi maduro noutra bolsa.
3. Pecha ben as dúas bolsas, rotula o que conteñen e ponas encima da mesa.
4. Na outra bolsa coloca un kiwi e un plátano moi maduro e pon o outro kiwi ao aire; pecha e rotula a bolsa.
5. Agora debes deixar todas as bolsas e as pezas de froita que están ao aire en repouso durante polo menos 5 días. Despois abre as bolsas e comproba o estado de maduración das froitas en cada caso.
Por curiosidade
A mazá estivo asociada a numerosas manifestacións culturais e símbolos desde antigo. Aquí van algúns exemplos:
- Adán e Eva. Na tradición cristiá fálase da árbore do ben e do mal, que a tradición popular identifica cunha maceira. Deus prohibiu a Adán e Eva que probasen os seus froitos, pero caeron na tentación e foron expulsados do paraíso.
- Newton e a forza da gravidade. É famosa unha mazá que, segundo conta a historia, tería inspirado a Isaac Newton a teoría da gravitación universal, ao reflexionar sobre ela acerca das causas que fan que caia ao chan.
- Apple é unha famosa compañía informática cuxo logotipo é unha mazá mordida. Os computadores que fabrica coñécense co nome de Macintosh, que provén da denominación dunha variedade de mazá, a mcintosh.
- A mazá da discordia. Na mitoloxía grega, hai unha historia que conta que a deusa Eris lanza unha mazá dourada que tiña escrita a mensaxe «Para a máis bela» diante das deusas Hera, Atenea e Afrodita, creando un conflito entre elas que desencadeou logo unha guerra. A expresión utilízase hoxe para referirse a algo ou alguén que causa un problema ou dificulta a solución.
- A Gran Mazá. Coñécese así a cidade de Nova York. O alcume empezou a facerse popular grazas a un xornalista deportivo que en 1921 nomeouna así nunha das súas crónicas. Parece ser que había oído aos mozos de cortello dun hipódromo referirse ao de Nova York como a Gran Mazá, por consideralo o mellor. Nos anos setenta difundiuse o sobrenome nunha campaña turística da cidade.