O cine pon de moda a figura do presidente máis importante da historia de Estados Unidos
06 mar 2013 . Actualizado a las 15:22 h.O presidente Abraham Lincoln volveu nestes días ás páxinas dos xornais. A principal razón foi a película que Steven Spielberg rodou sobre os momentos máis importantes da súa peripecia política. Foi como o remate postergado da non afastada celebración do segundo centenario do seu nacemento no ano 1809. A segunda razón foi polo detalle, cargado de simbolismo, do presidente Barack Obama de volver xurar o seu cargo sobre a Biblia propiedade do presidente que aboliu a escravitude. Ademais, o luns 4 de marzo cumpriuse o 152.º aniversario do inicio do seu primeiro mandato presidencial e o próximo 14 de abril será o 148.º do atentado que lle custou a vida.
Lincoln foi un bo modelo de home feito a si mesmo seguindo as pautas máis estritas do soño americano. Nacido nunha familia baptista, profundamente relixiosa e rematadamente pobre, abriuse camiño na sociedade de modo autodidacta amalgamando traballo duro en longas xornadas laborais e estudo silencioso rabuñando horas ao soño e ao tempo libre ata conseguir graduarse como avogado e abrirse un brillante porvir profesional no Illinois da época. O seu centro de operacións estableceuno en Springfield, a capital do estado. Casou aos 33 anos con Mary Tod, a filla dun rico granxeiro de Kentucky, e pronto entrou na vida política participando no nacemento dun novo partido, o Republicano. Os dous grandes ideais que defendería ao longo da súa traxectoria na vida pública serían o da abolición da escravitude e o da unidade nacional.
Republicano e abolicionista
Os principios abolicionistas de Lincoln non se limitaban á defensa da liberdade dos escravos, senón que incluían tamén a mensaxe de que o produto do traballo era propiedade de quen o realizaba. Lincoln coñecía as ideas que anos antes desenvolvera Marx, pero na práctica mantiña un moderado equilibrio na defensa do abolicionismo influído por dúas causas: a primeira era a súa propia familia, porque a súa muller Mary procedía dunha familia escravista, e a segunda, a conveniencia de non aspirar aos máximos obxectivos, polo perigo de que rompese a unidade nacional. Iso era para el unha fronteira que de ningún modo debía traspasarse. Na primeira convención do Partido Republicano, celebrada en Filadelfia, foi proposto para ir na lista como vicepresidente, pero non obtivo o nomeamento. Na segunda convención do partido (1860, Chicago) foi a súa moderación a que lle valeu ser elixido candidato á presidencia dos Estados Unidos, a pesar de que no seu historial precedente había varias derrotas electorais recentes. Naquelas eleccións o Partido Republicano gañou por primeira vez e Lincoln saíu elixido coa promesa de implantar unha política abolicionista.
Se se compara coa situación política actual, resulta curioso observar como o Partido Republicano de entón mantiña no tema da escravitude posicións máis progresistas que o Demócrata. Hoxe de ningún xeito podería dicirse que os republicanos son máis progresistas que os demócratas en ningún aspecto da vida política.
Unha nación rota
O problema serio comezou cando os estados sureños se negaron a acatar o resultado electoral e decidíronse unilateralmente a declarar a súa independencia. O Goberno do norte seguiu gobernando e lexislando para o conxunto da nación e así se deu o paradoxo de que o decreto de abolición da escravitude que ditou o goberno para que entrara en vigor o 1 de xaneiro de 1863 afectaba tanto ao norte como ao sur e, xa que logo, os escravos comezaron a ser xuridicamente libres, tamén en territorio confederado, a pesar de que o Goberno rebelde non o considerase así. A guerra civil alargouse durante todo o primeiro mandato de Lincoln e terminou case ao mesmo tempo que o Congreso aprobaba a décima terceira emenda da Constitución e resolvía de forma definitiva a cuestión da escravitude. As circunstancias deste último acontecemento é o que conta a película de Spielberg.
A confrontación chegou ao seu fin o 9 de abril de 1865, pero unha semana despois o presidente sufriu un atentado mentres asistía á representación no Teatro Ford, en Washington . Un actor chamado John Wilkes Booth, simpatizante do sur, achegouse por detrás mentres Lincoln estaba no seu palco e pegoulle un tiro na cabeza.
1. Para completar a información sobre a vida de Abraham Lincoln, buscade en Internet datos e redactade unha cronoloxía dos acontecementos máis importantes da súa vida.
2. Un dos monumentos máis importante da cidade de Washington é o Lincoln Memorial. Confeccionade un póster coa súa fotografía e colgádeo nunha parede da clase como homenaxe durante algúns días.