O Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa organiza unha actividade de xogo dramático e danza creativa para desenvolver a capacidade creativa dos nenos
19 dic 2012 . Actualizado a las 14:02 h.Non se trata de que elas cheguen a ser Paulovas ou eles Nureyevs. Nin sequera de descubrir ningún talento excepcional agochado.... aínda que nunca se sabe. Nin se pretende tampouco que acaden a excelencia interpretativa de Lola Herrera o Geoffrey Rush en quince días. Non. A danza creativa e a dramatización son recursos pedagóxicos menos explotados do que as súas bondades achegan á formación dos nenos non só na súa face creativa, senón noutras moitas.
Pero isto non quere dicir que sexa unha nova tolería dun lumieiras que non ten outra cousa que facer que experimentar cos nenos. Os xogos de dramatización e a danza creativa teñen non só anos ás súas costas, senón tamén un importante respaldo teórico cuxa icona é o profesor Alfredo Mantovani.
E un Campamento de Juego Dramático y Danza Creativa é a proposta que o Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa da Coruña achega aos nenos de 6 a 12 anos para este Nadal. Unha actividade con prazas limitadas (¡corre a apuntarte!) para divertirse polas mañás sen necesidade de aprender, aínda que has sacar dela algo máis que pasar un bo rato.
Porque está demostrado que a dramatización e a danza creativa potencian as calidades persoais mediante a expresión oral e corporal. Por medio do xogo, claro, pois a representación de papeis é unha das actividades favoritas dos nenos.
Ademais, danza e dramatización actúan como mecanismos de socialización e contribúen á fomentar as actuacións en equipo, pois acadan unha anticipación á comprensión afectiva dos problemas que lles facilita aos nenos establecer relacións de empatía coas preocupacións alleas.
A habelencia para expresar o propio interior por diferentes canles de comunicación (non só a palabra, senón tamén o corpo, a mirada...) tamén aumenta con estas actividades. Aínda que os seus efectos máis positivos están, sen dúbida, no desenvolvemento da capacidade creativa, que medra coa dinamización da linguaxe imaxinaria.