Números cantan

Jesús Garrido cursosrepeducador.es

ESCUELA

Unha proposta para traballar cos periódicos

28 nov 2012 . Actualizado a las 12:42 h.

Ás veces, para resaltar que os números poden manipularse, outras veces para puntualizar cantas chamadas por teléfono fai un senador, con frecuencia para exaltar as claves dun bo estudante, ou para brindar un SOS rápido á xente enferma, para verificar o número de manifestantes, para contar parados, ou para radiar matematicamente o estilo de xogo do Celta e o Dépor. Para todo teñen a súa cabida e relevancia os números, como vemos a continuación.

Tarifas non moi planas

1.Os senadores enviaron o ano pasado máis de 15.000 mensaxes tipo «premium»

La Voz, 8/11/2012. Ademais realizaron case 18.000 chamadas a teléfonos de tarificación especial (números 901 e 902). Os senadores realizaron durante o ano 2011 case 17.754 chamadas a números de tarificación especial (números 901 e 902) e mandaron 15.857 mensaxes especiais ou premium, que son cos que se pode acceder a servizos de entretemento, xogos ou música, entre outros. Desde os teléfonos do Senado realizáronse 17.754 chamadas a números de tarificación especial (números 901, 902.) Custo do ano pasado: 31.600 euros.

-ACTIVIDADE: Ou sexa que, ademais do valor dos números nas noticias, entran tamén os 36.600 euros dos numeriños do teléfono. ¿Que che parece?

A manipulación das cifras

2. «Os números poden ser obxecto de utilización moi perversa»

La Voz, 24/1/2012. O matemático Felipe Gago Couso -santiagués de Viana do Bolo (Ourense), 56 anos e profesor de Álxebra na Universidade de Santiago (USC)- impartiu onte no Ateneo de Santiago unha conferencia sobre A orixe dos números: da necesidade ao misterio, na que, entre outras cousas pouco coñecidas, asegurou que «aínda que as matemáticas son entes abstractos, os números poden ser obxecto de utilización moi perversa na realidade social do día a día».

-ACTIVIDADE: Hai quen sabe facer trampas e, no canto de sumar, resta; no canto de multiplicar, divide, segundo a súa conveniencia. Interesante xogada de números.

Estatísticas do impredicible

3. Derbi de altura, duelo de estilos

La Voz, 24/10/2012. A pesar das súas similitudes, o Celta supera ao Dépor en elaboración, pero ten menos variedade de pegada. Por exemplo, en pases e remates. O Celta utiliza máis a banda dereita (43 %) que a esquerda (30 %) e o centro (27 %). A maioría dos seus remates (62 %) chegan polo centro, unha parte importante desde a dereita (25 %) e menos desde a esquerda (13 %). Ten unha efectividade do 8 %. O Dépor móvese mellor a campo aberto, na ida e volta. Como o Celta, prefire a dereita (45 %) para iniciar o xogo ofensivo; e utiliza máis a esquerda (29 %) que o centro (26 %). O 63 % dos seus remates proceden do centro, o 23 % da dereita e o 14 % da esquerda. Máis da metade (51 %) son desde fóra da área. Converte o 14 % dos seus remates.

-ACTIVIDADE: Abre a noticia enteira, verás que divertidos son os números, é como cantar a lotería aplicada a cada tipo de xogada noutras variables: posesión do balón, goles, faltas, cartóns, xogadas... todo en números.

Contar sen parar

4. Como se contan os asistentes a unha manifestación

La Voz, 27/9/2012. Hoxe en día hai dous xeitos aceptados para dar unha estimación con base científica. A máis sinxela é contar o número de manifestantes que pasan por un punto durante un minuto e multiplicala polo tempo que dura o paso da marcha.

Hai outro sistema que consiste en sumar a superficie total das rúas ocupadas e multiplicala polo número de manifestantes que hai en cada metro cadrado.

-ACTIVIDADE: Se abres a noticia, verás incluso como se fai un gráfico e saberás canto sitio ocupan 25.000 persoas.

ACTIVIDADES

Velaquí outras noticias relacionadas cos números que podes atopar na web de La Voz de Galicia para ampliar as que vemos nesta páxina máis amodo. Búscaas e..., lembra, moito mellor é que as leas enteiras.

-«CARA AOS SEIS MILLÓNS DE PARADOS»

-ACTIVIDADE: Non pares e coa axuda da túa profe, converte en gráficos os números que atopas no texto enteiro. Os números contábanse cos dedos, pero os gráficos cóntanllo aos teus ollos.

-«O TELÉFONO 012 DA XUNTA ATENDEU MEDIO MILLÓN DE CHAMADAS DESDE XANEIRO»

-ACTIVIDADE: Estaría moi ben facer un repaso deses 10 números que aparecen se marcas o 012 de asistencia ao cidadán. ¿Facemos un cadro para a clase?

- «AS 8 CLAVES DO MELLOR ESTUDANTE»

- ACTIVIDADE: Busca a ligazón e atoparás o desenvolvemento das claves para lograr esa ser «The best». ¿Sóache? ¡Pois a por ela en 8 intentos!: www.superscholar.org