Todos podemos contribuír á campaña mundial para mellorar o aforro enerxético
21 nov 2012 . Actualizado a las 12:45 h.Desenvolver estratexias para aforrar e incrementar a eficiencia enerxética é o máis rápido e barato que poderemos facer para reducir a demanda de enerxía mundial e as emisións de dióxido de carbono. Pero é importante recordar que esta cuestión non significa en absoluto renunciar á comodidade: o que se busca é o mesmo nivel de calidade e de servizo pero consumindo menos. E é que, por exemplo, case o 60 % da enerxía que se consome no mundo pérdese nas sucesivas transformacións (calor, electricidade, movemento, etcétera) que realizamos con ela ata que a usamos. Por iso é polo que o aforro puidese ser fundamental para o noso futuro.
ILLAMENTO
As tres cuestións máis importantes nas que os expertos recomendan intervir son: illamento dos edificios, cambio nos procesos industriais e desenvolvemento de vehículos máis lixeiros e aerodinámicos.
O consumo de enerxía dos edificios contribúe en máis dun 30 % ás emisións atmosféricas de dióxido de carbono. No seu día, a maior parte levantáronse co obxectivo de minimizar o custo de construción, sen prestar atención ao rendemento enerxético e ao mantemento. Algunhas experiencias xa ilustraron a mellora que poden significar as iniciativas de incremento do rendemento enerxético. Así se fixo, por exemplo, en moitos fogares alemáns, suízos e escandinavos, onde cun mellor deseño e illamento rebaixaron o consumo en calefacción a só unha sexta parte do que adoita ser habitual nestes países. O mesmo sucede en diversos edificios de oficinas deseñados por todo o mundo, nalgúns dos cales reduciron nun 70 % o consumo de enerxía en relación con oficinas normais.
E ocorre outro tanto co consumo dos aparellos que contén o fogar. Os frigoríficos actuais, por exemplo, consomen un cuarto da enerxía menos que os antigos, sen perder capacidade de arrefriado. As lámpadas fluorescentes tamén ofreceron a oportunidade de consumir entre un cuarto e un quinto menos de enerxía, ademais de que duran dez veces máis que as antigas. Aínda máis prometedoras parecen as novas lámpadas de led, que consomen o 30 % do que as lámpadas fluorescentes e poden durar ata vinte anos; a súa presenza xa se fai evidente en semáforos ou automóbiles, e seguirá crecendo. Tamén as pantallas de cristal líquido consomen ata un 60 % menos que as antigas de raios catódicos.
PROCESOS INDUSTRIAIS
En canto aos procesos industriais, un exemplo é o caso dos fabricantes de alfombras. Algúns aínda realizan o tinguido dos tecidos a temperaturas de 100 a 140 graos, mentres que outros, mediante o uso de encimas, conseguen os mesmos resultados a temperatura ambiente. A súa demanda enerxética redúcese así en máis do 90 %.
Os transportes responden do 25 % das emisións mundiais de dióxido de carbono e case do 70 % do consumo de combustibles fósiles. A marxe de mellora é importante, pois tan só o 1 % da enerxía que posúe o combustible emprégase en mover o vehículo. Outros aspectos que xa repercuten no consumo é a redución do seu peso, pois rebaixalo en 80 quilos significa reducir o consumo un 5 %.
A web da Aula de enerxía de Gas Natural Fenosa contén actividades TIC sobre enerxía para alumnos de 11 a 18 anos:
n http://www.auladeenergia.com/
Domesticar o lume
Un dos maiores descubrimentos na historia humana é o do lume. É curioso que, con todo, quen caeron na conta da utilidade deste fenómeno natural non foron os humanos da nosa especie, os «Homo sapiens». As probas máis antigas de uso do lume están datadas nuns 500.000 anos e adoita asociarse cunha especie xa extinguida, o «Homo erectus», cuxa capacidade cranial roldaba os 1.000 centímetros cúbicos (a humana actual é duns 1.400). Aínda que este descubrimento debería situarse entre os máis importantes, xunto ao dos antibióticos, a lámpada ou o átomo, resulta sorprendente imaxinar a cara daquel primitivo xenio, pois se correspondería co dun individuo de certo aspecto simiesco, cunha cabeza maciza, a cara prominente, fronte pequena e con grandes mandíbulas e dentes.
Aquel individuo, que en lugar de escapar do lume pensou en dominalo e utilizalo, comezou o desenvolvemento enerxético. O lume proporcionou luz na noite, co que puido prolongar as súas horas de actividade, e calor nos días fríos, o que lle permitiu estenderse a outros territorios antes imposibles de habitar. Ademais, o lume incrementou a súa seguridade, xa que afastaba os depredadores, e o cociñado da carne e dos vexetais volvíaos máis dixeribles e sans (o lume destruiría xermes dos alimentos). Tamén grazas ao lume a tecnoloxía humana sufriu un cambio espectacular, pois ao cocer a arxila apareceu a olería, coa fundición da area puideron facer cristal e coa dalgúns minerais aprenderon a obter metais.
Que é a enerxía
Os seres humanos sempre buscamos e empregamos a enerxía (alimentos, lume, etcétera) para mellorar a supervivencia e as condicións ambientais, nas máis das ocasións con independencia do coñecemento científico e teórico do que facemos. Por iso todos temos intuicións sobre o concepto de enerxía. Falamos de barriñas enerxéticas para referirnos a alimentos especialmente ricos en azucres (xa que é o alimento que proporciona máis enerxía con menos cantidade), de recibos sobre a cantidade de quilowatts consumidos, e hai anos que vimos discutindo sobre a enerxía nuclear, sobre as centrais térmicas ou sobre as fontes alternativas (solar, eólica, etcétera).
Os científicos din que a enerxía é unha magnitude (un número) que indica a capacidade para producir cambios. Ou sexa, que se desexas cambiar un floreiro de sitio, necesitas que os teus músculos a consuman e, se queres iluminar un espazo escuro, tamén a necesitas. Se quixeses visitar a un amigo nunha cidade próxima poderías empregar un vehículo que, grazas ao consumo de enerxía, che leve ata alí (se foses andando gastarías menos, pero sería bastante máis lento). E tamén sería necesaria a enerxía para que unha mestura de patacas con ovo cambie a súa estrutura química e se se transforme nunha deliciosa tortilla.