Galicia e o País Vasco elixirán o día 21 os seus Parlamentos autonómicos
17 oct 2012 . Actualizado a las 12:06 h.Outra vez a votar. A cita é o vindeiro domingo, día 21, tanto en Galicia como no País Vasco, e tamén tanto nun coma noutro lugar para elixir os seus Parlamentos autonómicos, un engrenaxe fundamental na estrutura do Estado español, tal e como consta na Constitución en vigor. Os escenarios de ambas as dúas comunidades son ben distintos. No caso do País Vasco, trátase da primeira vez desde o fin da ditadura (1939-1977) en que os cidadáns acoden libremente ás urnas. Non porque nas anteriores eleccións houbese represión de calquera tipo por parte de partidos ou institucións, senón porque unha banda armada ?niso dexenerou o movemento nacionalista que representaba ETA- ameazaba, coaccionaba e asasinaba aos disidentes políticos.
En Galicia os grupiños violentos son tan ínfima minoría que xamais tiveron callado entre a sociedade. Unha sociedade que sempre votou como lle petou. Pero a crise económica provocou unha remexedura da cidadanía, que ve como o seu nivel de vida leva caendo catro anos. A tendencia de culpar de todos os males ao partido no poder -en Galicia e no mundo enteiro-, o momento baixo que vive o socialismo cun líder contestado interiormente, o estoupido do nacionalismo que se fraccionou en tres formacións e mesmo o desafecto da política («Todos os políticos son iguais», cando non «Todos os políticos son corruptos») apunta a que o tripartidismo tradicional no Parlamento do Hórreo, en Santiago, toca ao seu fin. Polo menos unha cuarta forza ademais de PP, PSdeG-PSOE e BNG, con posibilidades de que sexan cinco, vai obter representación. Ou polo menos iso din as enquisas publicadas en todos os medios, especialmente a que un día tras outro actualiza La Voz de Galicia.